spot_img
InicioPontevedra e ÁreaLembranza ás vítimas de accidentes de tráfico en Pontevedra

Lembranza ás vítimas de accidentes de tráfico en Pontevedra

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores,  participou en Pontevedra no acto conmemorativo do Día mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico

Ethel Vázquez, fixo un chamamento ao conxunto da sociedade co fin de “implicarnos e traballar arreo para espertar e mover conciencias para potenciar valores como o respecto, a prudencia e a responsabilidade”, co obxectivo de facer extensiva a cultura da seguridade viaria.

A titular de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego participou hoxe en Pontevedra no acto conmemorativo do Día mundial en lembranza das vítimas de accidentes de tráfico, un evento no que lembrou que cada cidadán pode sumarse ao “compromiso pola vida e á loita para reducir a sinistralidade viaria”.

Ethel Vázquez remarcou a obriga das administracións públicas de liderar esta loita, poñendo todos os medios ao seu alcance para incrementar a seguridade nas estradas e prestando especial atención aos usuarios máis vulnerables das mesmas, como son os peóns, os ciclistas, os motoristas ou os peregrinos, ademais dos nenos e maiores.

A conselleira puxo en valor o pleno compromiso do Goberno da Xunta con esta materia e asegurou que o seu departamento continuará traballando na mesma dirección de forma decidida. Entre as novas liñas de actuación, sinalou a estratexia para a eliminación de treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

Finalmente, Ethel Vázquez referiuse á necesidade de formar os máis cativos na seguridade viaria, transmitindo xa desde o entorno familiar os riscos que entraña unha conducta irresponsable na estrada. “Porque os nenos aprenden e imitan o que viven e o que ven. Collen como modelo os comportamentos dos adultos. E por iso é tan importante que nós, como nais, como pais, como familiares ou amigos deses nenos e mozos, sexamos un bo exemplo para eles”.

- Publicidade -spot_img