spot_img
InicioO SalnésIsabel Soto, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución

Isabel Soto, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución

isabel-soto-ganadora-do-premio-placido-castro-traducionA viguesa Isabel Soto foi a gañadora da XVIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Fosca de Iginio Ugo Tarchetti.

Isabel Soto é unha tradutora consolidada cunha longa traxectoria profesional. A obra premiada, Fosca, é a máis importante de Tarchetti, escritor italiano scapigliato. A scapigliatura foi un movemento artístico e literario desenvolvido no norte de Italia sobre todo entre os anos sesenta e oitenta do século XIX. Nos scapigliati aniñaba un espirito de rebeldía contra a cultura tradicional e o bon senso burgués.

O xurado destacou da tradución a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior; respecto á calidade da tradución, salienta o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.

Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego de quen en 2017 cúmprense 50 anos do seu pasamento, así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras e da súa achega ao sistema cultural e literario galego.

O premio entregarase o vindeiro 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no Concello de Vilagarcía de Arousa.

A Funación

O IGADI promoveu en 2001 a creación da Fundación Plácido Castro na que tamén participan os concellos de Cambados, Corcubión, Vilagarcía de Arousa e a Asociación de Tradutores Galegos. A Fundación ten por obxecto a reivindicación da figura, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río, atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo.

Plácido Castro

Pola orixe familiar, a súa inmensa cultura e peculiar formación humana, Plácido Ramón Castro del Río, cosmopolita militante, é, sen dúbida, unha figura senlleira do mundo galeguista.

Naceu en Corcubión un 25 de xaneiro de 1.902. Amigos e coñecidos, ignorantes da grave enfermidade que o acompañaba nos ultimos tempos, vironse sorprendidos polo seu inagardado falecemento un 17 de xullo de 1.967. Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recaman. O seu pai, empresario de minas, armador de buques e abastecementos de carbón, foi vice-cónsul de Suecia e Noruega en Corcubión.

Fuente Fundación Plácido Castro//

 

- Publicidade -spot_img