spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Guarda conmemorará o Día Internacional das Mulleres con teatro e música

A Guarda conmemorará o Día Internacional das Mulleres con teatro e música

guarda-conmemorara-dia-internacional-das-mulleres-teatro-e-musicaO Concello da Guarda, a través do Centro de Información as Mulleres (CIM), conmemorará o Día Internacional das Mulleres cunha programación cultural orientada a dar visibilidade ao traballo das mulleres creadoras e recoñecer o papel na Historia das persoas transgresoras que loitaron polos seus dereitos.

Nesta liña, a obra teatral «Elisa e Marcela», da compañía A Panadaría,  ofrecerá ao público a oportunidade de coñecer as vivencias de dúas mulleres que, en 1901, conseguiron enganar ao cura dunha parroquia da Coruña para que as casara, converténdose no primeiro matrimonio lesbio do que se ten constancia en España. A obra representarase o xoves 8 de marzo, ás 20:30 horas no Centro Cultural. O acceso será gratuíto presentando as entradas, que poderán recollerse no Centro Cultural ou o CIM (xunto ao Xulgado de Paz) a partir do 1 de marzo.

A programación continuará o sábado 10 de marzo coa actuación do dúo Femininoplural, formado por Silvia Penide (voz) e Carla López (voz e teclado). O concerto mesturará a música, a poesía e os relatos nun percorrido musical co que as artistas dan visibilidade ao traballo de autoras como Clara Schuman, Violeta Parra, Guadi Galego ou Consuelo Velázquez, poñendo en valor a relevancia das mulleres creadoras na Cultura, «moitas veces relegadas a un segundo plano». A actuación comezará ás 12:30 horas na praza de San Marcos (xunto ao CIM) e será de acceso gratuíto.

Ámbalas dúas actividades lévanse a cabo co cofinanciamento da Deputación de Pontevedra.

- Publicidade -spot_img