spot_img
InicioPontevedra e ÁreaGala de entrega dos primeiros Premios Provinciais á Xuventude

Gala de entrega dos primeiros Premios Provinciais á Xuventude

Promover o talento e o potencial da mocidade da provincia de Pontevedra é o obxetivo dos Premios Provinciais á Xuventude

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e aos deputados provinciais Xosé Leal e Javier Dios, presidiu a primeira gala dos Premios Provinciais á Xuventude, presentada polo escritor Manel Loureiro. Estes premios, impulsados polo servizo de Cohesión Social e Xuventude, teñen unha contía total de 21.000 euros para promover o talento e o potencial da mocidade da provincia de Pontevedra.

Na súa intervención, Silva mostrou a súa emoción. “Sabíamos que tiñamos unha xuventude con moito talento, pero o que hoxe estou a mirar me sobrepasou. Sempre se fala de que o pasado foi mellor pero con esta mocidade se demostra que non é así. Tiñades o noso  recoñecemento porque non o tedes nada fácil, crecendo no medio dunha profunda crise, e enfrontando empregos precarios e salarios baixos despois de formarvos como os dixeron”, sinalou.

A presidenta provincial mostrouse “moi feliz porque somos unha provincia moi creativa cunha xuventude que deixa claro que quere vivir nunha sociedade máis solidaria e con máis dereitos, comprometida co seu tempo, que traballa pola igualdade, pola diversidade“. Silva tamén fixo especial referencia “as moitas mulleres novas que vexo nesta sala e que queren ocupar espazos públicos como nos corresponde ao ser o 52% da poboación. Desde a Deputación queremos mostrar ese talento porque co voso traballo reflectides o moito que aportamos as mulleres á sociedade”. A presidenta da Deputación felicitou aos gañadores e gañadoras dos Premios. “Hai futuro, podemos ser optimistas porque co profesorado e o alumnado que temos podemos facer unha sociedade distinta. Hoxe hai aquí un grande arco da vella cos nomes dos mellore valores do ser humano. Síntome moi orgullosa”, rematou.

En total presentáronse aos primeiros Premios Provinciais á Xuventude 91 traballos dos cales 29 foron propostas para a modalidade de fotografía, 24 para traballos literarios breves, 15 gravacións musicais, 12 propostas na categoría de blogs, 6 de iniciativa empresarial, 3 proxectos de educación en valores e 2 de iniciativa social. O xurado tivo que seleccionar entre as 91 propostas enviadas aos premios as tres mellores nas modalidades de traballo literario breve, traballo musical, fotografía e blogs e as dúas mellores nas categorías de iniciativas sociais e empresariais e traballos de educación en valores.

Na modalidade de iniciativa social, o primeiro premio, valorado en 2.000 euros, destinouse a Pablo Romero Chorén de Lalín polo “Mes cultural de axuda ao pobo saharaui”.  Esta iniciativa trátase dun proxecto solidario composto por diferentes actividades coa finalidade de visibilizar a situación da poboación saharaui e sensibilizar á poboación galega do conflito do Sáhara Occidental. Pola súa banda, o segundo premio, valorado en 1.000 euros, foi para o Centro Xuvenil ABERTAL de Vigo polo “Club de ocio para persoas con discapacidade” que se trata dun espazo de encontro e convivencia entre mozos e mozas para impulsar a súa formación persoal e o seu desenvolvemento integral.

Xulián Chapela García, de Moaña, recibiu o primeiro premio na modalidade de iniciativa empresarial (valorado en 2.000 euros) polo seu proxecto “Xiro Atlántic Denim”, que consiste na venda ao por maior e ao detalle de prendas denim ecolóxicas, de confección e acabado en Galicia. O segundo premio, de 1.000 euros, foi para Guillermo Juncal Peñas por “La Boda de Nerea”, unha iniciativa empresarial de publicidade e difusión de empresas do sector nupcial e organizadoras de eventos.

Na modalidade de educación en valores o IES Pintor Colmeiro de Silleda recibiu o primeiro premio, de 2.000 euros. A súa iniciativa trátase dun traballo que se estende máis alá do marco educativo do centro escolar, implicando ás mozas e aos mozos nos conflitos que xorden na súa comunidade. Nesta mesma categoría de educación en valores o segundo premio, valorado en 1.000 euros, foi para Filipenses Misioneras de Enseñanza cun proxecto no que se valora a diversidade e a inclusión do alumnado con TEA dentro da aula.

Mónica Lemos Giráldez, de Ponteareas, recibiu o primeiro premio (1.500 euros) na modalidade de blogs pola iniciativa “Obxectivo Tutti-Frutti”, de transmisión de coñecementos sobre novas tecnoloxías. O segundo premio (1.000 euros) desta categoría foi para Ángel Santomé Fentanes, de Cerdedo-Cotobade, por “Guíate Galicia”, un blog de promoción da cultura e patrimonio de Galicia e de difusión dos servizos profesionais como guía turístico ofertados polo autor. Pola súa banda, o terceiro premio (500 euros) na modalidade de blogs foi para Miguel García, de Bueu, por “Aernobriga” no que se contan historias de Beluso e de Bueu, de arqueoloxía e de memoria.

Na modalidade de fotografía orixinal, recibiu o primeiro premio, valorado en 1.500 euros, Andrea Mariño Aguilar, de Baiona, por “Señoras bien señoras fetén”. O segundo premio (1.000 euros) foi para Sarai Costa Deza, de Sanxenxo, por “Espera” e o terceiro (500 euros) para Diego Rincón Herbello, de Vigo, por “El descanso de la guerrera”.

En canto aos mellores traballos musicais, recibiu o primeiro premio valorado en 1.500 euros Álvaro Manuel Beiró Rodríguez por “Dawn of inspiration”, unha peza de rock progresivo sonora e ben ordenada formal e temáticamente. O segundo premio, valorado en 1.000 euros, foi para Jairo Daponte e Eloi Pascual (Utopian Visions of the earth), de Mos e Vigo, por “Inmemorial”, unha peza de metal con traballo melódico de guitarra e tratamento textural. No caso do terceiro premio, valorado en 500 euros, foi para o IES As Barxas de Moaña por “Aínda que sexa un soño”, unha peza de pop xuvenil con estabilidade formal e moi comunicativa.

Pola súa banda, o primeiro premio da modalidade de traballo literario breve, valorado en 1.500 euros, foi para Pablo Lourido de Vigo por “Facer as preces”, unha peza de grande calidade poética, madurez crítica e orixinalidade. Recibiu o segundo premio, de 1.000 euros, María Argibay, de Ponte Caldelas, por “Biquei a area”, un relato sólido e verosímil que consegue crear unha historia emotiva e veraz nun momento histórico ben documentado. O terceiro premio, de 500 euros, foi para  Tamara Andrés, de Poio, por “Os amantes tráxicos”, un relato áxil, con dominio dos diálogos e unha conclusión sorprendente.

A gala de entrega destes primeiros Premios Provinciais á Xuventude estivo amenizado pola rapeira “Rendi Núe” e a peza gañadora da modalidade de creación musical “Dawn of inspiration” de Álvaro Manuel Beiró Rodríguez. Amais, o escenario decorouse cun graffiti que pintaron durante a gala Nana e Lidia Cao.

 

- Publicidade -spot_img