spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorFinalizan os traballos de retirada dos máis de 300 eucaliptos do Castelo...

Finalizan os traballos de retirada dos máis de 300 eucaliptos do Castelo de Soutomaior

finalizan-os-traballos-de-retirada-dos-mais-de-300-eucaliptos-do-castelo-de-soutomaiorA empresa adxudicataria do alleamento da madeira recolleu en total máis de 500 toneladas e parte do recollido dedicarase a compostaxe

As vistas dende o Castelo de Soutomaior ofrecen dende hoxe unha paisaxe moi diferente á que tiñan acostumado. Isto é así debido a que nos pasados días xa remataron os traballos de tala dos máis de 300 exemplares de eucalipto cos que contaba o Castelo, propiedade da Deputación de Pontevedra, ao longo das súas máis de 25 hectáreas de explotación forestal. O Goberno da institución provincial decidiu proceder ao alleamento da madeira destas árbores atendendo a razóns de protección medioambiental e tamén de beleza paisaxística.

Para o alleamento da madeira a Deputación de Pontevedra convocou un concurso público que gañou a empresa “Díaz y Buceta, S.L.”, cun importe ofertado de 34,24 € por tonelada de madeira. En total a empresa adxudicataria recolleu 504,29 toneladas, o que supuxo un embolso final de 17.267 euros.

Os traballos comezaron a mediados do pasado mes de abril e, malia que tiñan unha duración estimada de dúas semanas, finalmente se retrasaron por mor das chuvias. Isto foi así porque, como lembramos, o solo onde se atopaban as árbores tiña que estar moi seco antes de comezar a traballar para que a maquinaria non labrase os terreos demasiado, provocando consecuencias negativas no solo. Ademais das pezas aproveitadas pola empresa, todas aquelas cun diámetro inferior aos sete centímetros serán destinadas á elaboración de compostaxe.

A Deputación de Pontevedra procedeu á tala dos eucaliptos da finca do Castelo de Soutomaior xa que esta especie é invasora e propicia unha serie de consecuencias negativas para as demais árbores e elementos naturais que conviven con ela. Así, a institución provincial asegura a fin da presenza no Castelo dunha especie non protexida, que esquilma o chan, que compite excesivamente tanto en luz como en auga e nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustíbeis da súa casca e das súas follas supón un grave risco en caso de incendio, pois provoca que se acelere a propagación do lume.

- Publicidade -spot_img