spot_img
InicioBaixo MiñoFinalizadas ás obras no tramo da estrada provincial que une O Rosal...

Finalizadas ás obras no tramo da estrada provincial que une O Rosal con Tabagón

Uxío Benítez e Jesús María Fernández Portela visitaron a obra xa finalizada e acordaron unha nova actuación para dotar dunha senda peonil a outro tramo da mesma vía.

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de O Rosal, Jesús María Fernández Portela, realizaron unha visita ao tramo da EP 3302 no que veñen de finalizar as obras de mellora do trazado. A obra realizouse entre os puntos quilométricos 1.990 e 2.648 da estrada que une Tabagón – Rosal –Portocelo. Esta actuación, que fora adxudicada en xuño de 2015, foi posteriormente executada introducindo elementos de calmado do tráfico e seguranza viaria, así como outros criterios de mobilidade sostible.

O tramo no que se realizou esta actuación conta agora con pasos de peóns sobreelevados, cunha zona trinta, con zonas de aparcadoiro e espazos peonís adaptados á contorna pola que discorre a estrada provincial. A pé de obra, o deputado nacionalista manifestou que “os cambios introducidos sobre o proxecto inicial vense necesarios para manter a seguridade da veciñanza que ten que usar esta vía, tanto para o tráfico rodado como para as persoas que teñan que desprazarse a pé”. Neste sentido, volveu lembrar que todas as actuación que se acometen desde o seu departamento “deben responder sempre aos criterios de mobilidade sostible, isto é, a mellorar a convivencia entre as diferentes formas de desprazamento e tendo en conta as particularidades de cada contorna, de xeito racional e sensato e evitando actuacións agresivas co medio”.

A obra, que contou cun investimento final de 508.054,20 euros, incluíu a escavación de desmonte e posterior estendido e compactado do terreo, a reposición de muros e servizos no tramo da actuación, reposición de acometidas de alcantarillado, de canalizacións e de abastecemento, o traslado de muros e peches nalgunhas zonas, a colocación de barandillas, a mellora do firme e a sinalización horizontal e vertical nesta vía.

Na visita desta mañá, tamén se volveu falar do proxecto de realizar unha senda peonil na mesma EP-3302, no treito que vai desde o barrio de Morán, na parroquia de San Miguel de Tabagón, ata o núcleo do Calvario, no centro urbano de O Rosal. Esta actuación xa fora solicitada polo rexedor municipal no encontro que mantivera o pasado mes de xuño co deputado nacionalista para falar das prioridades deste concello en materia de Mobilidade. Unha solicitude que, segundo Uxío Benítez lle manifestou ao alcalde, encaixa perfectamente no tipo de actuacións que se promoven desde o seu departamento e para a que os técnicos provinciais realizarán o proxecto nos vindeiros meses.

- Publicidade -spot_img