spot_img
InicioGaliciaEntrega dos Premios da Primeira edición á Transferencia de Tecnoloxía

Entrega dos Premios da Primeira edición á Transferencia de Tecnoloxía

entrega-dos-premios-da-primeira-edicion-a-transferencia-de-tecnoloxiaNun acto solemne, celebrado no día de onte no Pazo de San Roque, tivo lugar a entrega dos  Premios á Transferencia de Tecnoloxía na súa primeira edición correspondente ao ano 2015.

Estes premios foron instituidos pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)  en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e convocados pola RAGC baixo o patrocinio da GAIN.

O Premio a un traballo de investigación aplicada correspondeu a un traballo realizado polo investigadores D. José A. Castelo, D. Francisco Campos e D. Tomás Sobrino, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, no que dan conta dunha nova terapia para paliar os efectos do ictus cerebral, sobre a base de reducir a presenza do glutamato plasmático.

Recoñecidas unha terapia para atallar as secuelas do ictus elaborada por membros do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e un sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas da empresa coruñesa Qubiotech

O Premio a un caso de éxito empresarial en transferencia de tecnoloxía foille concedido á empresa QuBiotech e entregado ao seu Director executivo  D. Pedro Arenas, polo produto innovador IQ-Brain, un sistema de análise e procesado integral de imaxes médicas, que facilita o diagnóstico temperán de enfermidades neurodegenerativas.

Ao acto asistiron, xunto ao Presidente da RAGC, D. Miguel A. Ríos, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, D. Francisco Conde, o Conselleiro de Sanidade D. Jesús Vázquez, a Conselleira do Mar, Dá. Rosa Quintana, os Reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, D. Juán Viaño e D. Xullo Abalde, o Director de GAIN e outras autoridades, así como un numeroso público.

Na súa intervenció o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, salientou aos galardoados na primeira edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía como “pontes entre as ideas e os empregos”.

O primeiro xa ten sido, lembrou o conselleiro, considerado un dos maiores logros da investigación biomédica da historia de Galicia: unha nova terapia para atallar as secuelas do ictus, desenvolvida polo grupo de investigación aplicada de José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e que será comercializada grazas ao interés dunha multinacional farmacéutica na investigación galega. O logro está enmarcado no programa de desenvolvemento precomercial dos resultados de investigación sanitarios da Xunta, o PRIS, que precisamente a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a apoiar na súa segunda edición.

O segundo proxecto premiado, sinalou Conde, ven de ser recoñecido por Bayer como unha das tecnoloxías con máis proxección de España no eido da ehealth. Trátase do sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas IQ-BRAIN, desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, que naceu como spin-off dun grupo de investigación do CHUS e apoiado pola Fundación Ramón Domínguez e a Plataforma de Innovación do SERGAS, e que está a ser respaldado pola Xunta a través da súa participación na aceleradora VíaGalicia. O conselleiro resaltou que o traballo de Pedro Areas, Jesús Silva e Pablo Aguiar ten acadado una solución para evitar os erros de diagnóstico causados pola interpretación das complexas imaxes estruturais do cerebro, dando cun procesamento máis sinxelo, eficaz, fiable, seguro e barato, que xa foi probado en 400 pacientes, con moi bos resultados.

Este Premio, ao que se lle outorgou un certo carácter institucional, será convocado en data próxima, na súa segunda edición.

- Publicidade -spot_img