spot_img
InicioLatinoaméricaArxentinaEmigración publica a listaxe definitiva dos 135 beneficiarios e reservas da edición...

Emigración publica a listaxe definitiva dos 135 beneficiarios e reservas da edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’, que se desenvolverá en outubro

emigración

A Secretaría Xeral da Emigración ven de facer pública a listaxe definitiva das persoas beneficiarias, e reservas, este ano do programa “Reencontros na Terra”, desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta edición de 2015, forman parte do programa un total de 135 persoas, o número de prazas convocadas no DOG de data 17 de marzo.

Mercé a esta iniciativa da Xunta, os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial e poden beneficiarse dunha estadía na Residencia de Tempo Libre de Panxón, e aínda despois poden quedar cos familiares ata un tempo máximo de tres meses

A maioría das prazas corresponden a persoas residentes en Arxentina e Uruguai, países nos que se concentra o maior número de persoas nadas en Galicia e residentes en América. Concretamente de Arxentina virán este ano 79 persoas, de Uruguai 33, de Venezuela 10, de Brasil 9, e de Cuba 4. No caso dos grupos procedentes de Arxentina e Uruguai, viaxan ademais con cadanseu facultativo, para garantir as mellores condicións de saúde posibles nos desprazamentos.

A maioría das prazas corresponden a persoas residentes en Arxentina e Uruguai, países nos que se concentra o maior número de persoas nadas en Galicia e residentes en América

Reencontros na Terra’ é un programa que se desenvolve fundamentalmente en instalacións da Administración autonómica, se ben os beneficiarios poden estender limitadamente a súa estadía en Galicia en casas de familiares; trátase da ‘iniciativa irmá’ de ‘Reencontros na Casa’, que ten lugar no verán, se ben neste outro caso os beneficiarios comparten toda a estadía nos fogares da súa familia residente na Comunidade Autónoma.

Obxectivos e fases
A iniciativa ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

Aínda que tódolos participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. A documentación remitida polos beneficiarios da iniciativa foi avaliada seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade do solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celebráronse reunións informativas previas nos diferentes países, nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

O programa desenvólvese ao longo de ata tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

Traballo cumprido
Co desenvolvemento de ‘Reencontros na Terra’ no mes de outubro, completarase o calendario de programas da Secretaría Xeral da Emigración de marcado carácter social destinadas directamente a individuos residentes no estranxeiro. Nos próximos días se desenvolve a última das modalidades (campos de traballo) de ‘Conecta con Galicia’, programa dirixido á mocidade; e tamén teñen xa completado o seu ciclo anual os de ‘Escolas Abertas’, para tódalas idades, e ‘Reencontros na casa’, para maiores.

Canto ás convocatorias deste ano de axudas económicas individuais, atópanse todas co proceso administrativo resolto, e liberados os cartos na súa maioría; de maneira que, a data de hoxe, o traballo interno realizado na Secretaría Xeral da Emigración para materializar as iniciativas de marcado perfil social está moi avanzado, cando non rematado en moitos casos.

- Publicidade -spot_img