spot_img
InicioGaliciaO Diario Oficial de Galicia publica as axudas de Medio Rural para...

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas de Medio Rural para accións silvícolas de prevención nos montes de Galicia

diario-oficial-galicia-publica-as-axudas-medio-rural-accions-silvicolas-prevencion-nos-montes-galiciaA orde contempla dúas liñas de actuación: unha para tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais en masas de coníferas e a outra para tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques

A Consellería do Medio Rural mantén o seu compromiso na mellora das masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras. Neste senso, destina 7 millóns de euros para a convocatoria de 2018 ás axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor medioambiental dos ecosistemas forestais.

Estas achegas, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR 2014-2020). Os posibles beneficiarios destas axudas son as comunidades de montes veciñais en man común, as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual e as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Así mesmo, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais e outras persoas xurídicas.

Esta orde contempla dúas liñas de actuación. A primeira consiste na realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 15 cm e cunha densidade inicial de 2.000 pés por hectárea. Tamén son subvencionables as rozas e podas en masas de coníferas, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical.

A segunda liña está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Falamos de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m; e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha.

Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor e propietarios particulares, a superficie mínima de actuación por solicitude será de tres hectáreas en couto redondo. No caso dos propietarios particulares será dunha hectárea en couto redondo e 3 no caso das Sofor. No caso das superficies máximas, serán de 15 ha para os propietarios particulares, 50 ha para as Sofor e outras 50 ha en couto redondo para o resto de solicitantes.

Solicitudes

As persoas interesadas en solicitar estas subvencións teñen de prazo 30 días, contados a partir de mañá, e deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

- Publicidade -spot_img