spot_img
InicioBaixo MiñoA Guarda«Diálogos en Educación»:  éxito de asistencia na primeira charla dedicada ao mindfulness

«Diálogos en Educación»:  éxito de asistencia na primeira charla dedicada ao mindfulness

dialogos-educacion-exito-asistencia-na-primeira-charla-dedicada-ao-mindfulnessA Casa dos Alonso acolleu o pasado venres, 27 de outubro, unha das sesións con máis éxito participativo do ciclo de charlas «Diálogos en Educación», que chega este ano a súa terceira edición.

A este primeiro encontro, dedicado á «educación consciente, baseada en mindfulness», acudiron preto de corenta persoas de distintos perfís, aínda que unidas por ter inquedanzas no eido educativo e as novas formas de relación cos cativos, cativas e adolescentes nunha sociedade cambiante.

A psicóloga e traballadora do centro San Xerome Emiliani, Joana L. Pereira, foi a encargada de guiar este primeiro faladoiro, no que os asistentes achegáronse ao concepto de atención consciente ou plena, tradución do termo anglosaxón mindfulness. Esta é, segundo expuxo a especialista, unha  técnica de meditación e relaxación mediante a cal búscase «atopar o botón de pausa» de cada persoa, parando a cascada de pensamentos que se suceden durante o día e deixando a un lado os xuízos de valor para pasar a centrarnos unicamente no que vemos, ulimos ou tocamos.

Algúns dos exercicios propostos pola psicóloga para ser aplicados aos pequenos e pequenas pasan, como exemplos, por centrarse nun obxecto para deterse a describilo dun xeito obxectivo (sen caer el cualificativos tales como bonito/feo, que dependen da percepción persoal), escoitar con atención e definir os sons que decotío pasan desapercibidos, ou saborear un caramelo de maneira pausada e analizando as texturas.

Nas persoas adultas, incidiu Pereira, «é importante manter unha ‘mente de principiante’», isto é, «non deixarse levar polas experiencias pasadas» para xulgar situacións semellantes e afrontar cada unha delas como se fose a primeira.

Próximos faladoiros

A charla «O multiculturalismo nas aulas, problema ou oportunidade» celebrarase o venres 10 de novembro contando coa participación do profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Juán José Bueno. Javier F. Rouco, tamén profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, participará no terceiro faladoiro, titulado «Filosofía para/con a infancia», namentres a derradeira entrega deste outono será o 1 de decembro e estará dirixida polo catedrático da UDC, Jurjo Torres. Este versará sobre as «Políticas educativas e as influencias neoliberais» realizando, amais, unha análise sobre o futuro da educación.

Todos os encontros serán na Casa dos Alonso ás 20:30 horas, sen límite de aforo e sen necesidade de inscrición previa.

 

- Publicidade -spot_img