Día Mundial da síndrome de Down e XXV aniversario de Down Pontevedra “Xuntos”

Cartel_DiaMundialSindromeDown

A Praza da Pedreira de Pontevedra, acollerá o vindeiro 21 de marzo a partir das 20:00 horas, os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down e do XXV aniversario da Asociación Down Pontevedra “Xuntos”. Nesta edición entregaranse os IV Premios Down Galicia, co obxecto de recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

Acto conmemorativo

Neste Día Mundial, os presidentes de Down Pontevedra “Xuntos”, Manuel Pérez Cabo, e de Down Galicia, Delmiro Prieto González, estarán acompañados, previsiblemente, polo Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación, Digna Rosa Rivas Gómez.

Pero unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que se farán cargo da presentación e desenvolvemento do acto e farán oír a súa voz a través da lectura do Manifesto pola Autonomía Persoal.

Serán as encargadas, ademais, de entregar os IV Premios Down Galicia que nesta edición recaen na categoría de persoa individual en Ángel Barreiro, pola súa continua e inestimable axuda e colaboración para a realización da Gala anual de Xuntos desde os seus inicios; e na categoría institucional no IES Montecelo, pola traxectoria amosada ó longo dos anos no apoio á inclusión do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual e pola colaboración continua do profesorado dos seus ciclos formativos cos programas e actividades que Xuntos leva a cabo.

Neste acto central participará tamén o grupo pontevedrés Vörtex, que amenizará coa súa música o inicio e o final do evento.

Máis actividades na rúa

Pero a conmemoración do Día Mundial da síndrome de Down non se cingue unicamente ó acto principal, senón que haberá actividades pola cidade durante todo o día.

Deste xeito, poderemos impoñernos ós estereotipos que existen sobre as persoas coa síndrome de Down no Labirinto “No camiño da inclusión” que estará instalado na Praza da Ferrería ou gozar dunha exposición fotográfica sobre o traballo que realiza diariamente Xuntos.

Iluminación dos principais monumentos de Galicia

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down. Así, a Torre de Hércules na Coruña, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, o concello de Ferrol ou As Burgas de Ourense iluminaranse o vindeiro 21 de marzo para dar visibilidad e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies