spot_img
InicioGaliciaDía Europeo das Linguas 2015

Día Europeo das Linguas 2015

Día-Europeo-das-Linguas-2015

A Secretaría Xeral de Política Lingüística adhírese á conmemoración impulsada polo Consello de Europa e pola Unión Europea, para celebrar a diversidade lingüística no territorio comunitario e promover a aprendizaxe de linguas entre a cidadanía europea, cunha declaración publicada no web www.lingua.gal

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quixo participar esta mañá no concello coruñés de Vedra nun dos Encontros dos Axóuxeres coincidindo coa celebración do Día Europeo das Linguas. Á función, na que participaron 50 familias, tamén asistiu o alcalde, Carlos Carrillo. A nova edición do programa de promoción do uso do galego e da súa transmisión interxeracional impulsado desde a Consellería de Cultura e Educación en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, tamén chega durante a fin de semana aos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo.

A primeira das sesións acolleuna o venres o Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Logo da función matinal no Museo Paz Camps de Vedra, Os Axóuxeres visitarán hoxe Santiago de Compostela, onde se poderán gozar no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 19:00 horas. O domingo chegarán, tamén en sesión matinal (ás 12:00 horas), ao Auditorio teense da Ramallosa. Debido ao grande éxito de acollida entre as familias novas con bebés e fillas/os de 0 a 6 anos, a inscrición previa para todas as funcións da fin de semana está xa completa desde hai uns días.

Transmisión interxeracional da lingua
Os Axóuxeres alcanzan a súa sétima edición mantendo o obxectivo de favorecer a transmisión interxeracional da lingua galega ao ofrecerlles ás familias con nenos de 0 a 6 anos espazos de ocio neste idioma e materiais para continuar xogando e cantando nel ao finalizar o espectáculo teatral e musical. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasallará a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores poden descargarse de balde no Portal da Lingua Galega.

‘Os Axóuxeres’ coidan dunha maneira especial a calidade do espectáculo e a acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual.

Encontros para a xente miúda da casa
‘Os Axóuxeres’ son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo… cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego… coa lingua de noso. Cada ‘Encontro dos Axóuxeres’, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlle á xente miúda un espazo onde desfrutar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

O calendario da nova edición, que abrangue do 12 de setembro ao 8 de novembro, inclúe un total de 26 localidades galegas: Arteixo, A Coruña, Ourense, Boiro, Ames, Vedra, Santiago de Compostela, Teo, Fene, Ferrol, Oleiros, Moaña, Cangas, Foz, Viveiro, Xinzo de Limia, Mondoñedo, Redondela, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, A Laracha, Noia, O Carballiño, A Estrada, O Porriño e Lalín. Todas as datas e espazos de celebración poden consultarse no Portal da Lingua Galega e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

A festa da música, dos xogos e das palabras
‘Os Axóuxeres’ son a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. Unha festa que por primeira vez se poderá levar para a casa nun cedé co que o programa agasalla a todas as familias participantes.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretarán en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.

Reservas para as vindeiras funcións en Fene, Ferrol e Oleiros
O luns 28 abrirase a reserva previa telefónica no 697 363 089, que permanecerá activa ata o venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas, para as seguintes funcións que acollerán os concellos de Fene, Ferrol e Oleiros na primeira fin de semana de outubro. As citas serán o sábado 3, ás 12:00 horas, no Centro Cultural Recreativo de Perlío (Fene) e mais no Edificio do antigo hospicio de Ferrol, ás 18:00 horas. O domingo 4, Os Axóuxeres chegarán á Fábrica de Oleiros cunha nova función ás 18:30 horas. Para todas elas, de balde, cómpre inscrición no teléfono e horario sinalados.

- Publicidade -spot_img