Onte día 19 de maio, despois de case dous anos de laborioso traballo e dun largo proceso para a súa recuperación e restauración, o “Cruceiro do Acordo” en Mañufe, xa luce no seu lugar.
O día 22 de novembro de 2015 un vehículo impactou contra o Cruceiro do Acordo. O impacto xerou un desprazamento do peto de ánimas e o banzo por embaixo deste último polo que rotou uns 30º. A valoración que se fai do estado de todo o conxunto é pésimo debido a cantidade de roturas que se atopan nos elementos e os propios movementos xerados polo impacto do vehículo.
Os traballos foron encargados ao restaurador Gonzalo Buceta, polo Concello de Gondomar a través da Concellería de Infraestructuras e Servizos Básicos dirixida por Iria Lamas Salgueiro. Os obxectivos propostos para esta intervención foron os seguintes:
- Garantir a preservación material do conxunto escultórico,
- Mellorar a lexibilidade do mesmo mediante un proceso restaurador que combine traballos de adhesión, montaxe, reintegración con recoñecemento das adicións e fixación das policromías.
- Documentación da totalidade dos traballos realizados.
- Redacción dun exhaustivo informe así como das necesidades de mantemento e conservación preventiva.