spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación quere converter os castelos de Soutomaior e de Sobroso  en...

A Deputación quere converter os castelos de Soutomaior e de Sobroso  en destinos de excelencia

deputacion-e-concello-de-soutomaior-unidos-para-valorizar-o-casteloA presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer as novidades con respecto ao impulso que o goberno provincial lle está a dar aos castelos de Soutomaior e de Sobroso. En liñas xerais, o obxectivo das actuacións da institución provincial nestes espazos é o de poñelos a punto para que na primavera de 2018 “se convertan en destinos de excelencia, en espazos vivos e dinámicos, ao mesmo nivel que os castelos máis emblemáticos do sur de Europa e fronte á concepción de recurso estático e restritivo que tiveron no pasado”, tal e como asegurou Silva.

Máis polo miúdo, a presidenta provincial informou que o castelo de Soutomaior pechará as súas portas a principios de xaneiro para poder abordar o proxecto de musealización. Este proxecto, en palabras de Carmela Silva, “ofrecerá un discurso renovado, tanto pola incorporación das novas tecnoloxías como con novos elementos argumentais entre os que vai sobresaír, dunha forma importante, a presenza e os fitos acadados por María Vinyals que, como saben, pasou de converter ao castelo de Soutomaior dun espazo de administración territorial e militar a un espazo cultural e emprendedor”.

Os traballos no castelo de Soutomaior estarán rematados en abril de 2018 cando abrirá de novo as súas portas coa finalidade de mellorar a afluencia de visitantes internacionais que, segundo informou Silva, “levamos detectando no último ano, cun repunte de dous puntos no caso de visitantes do Reino Unido e Italia, grandes amantes dos monumentos e edificios históricos”. Así o castelo de Soutomaior recibiu neste mes de novembro 1.302 visitas, case un 25% máis que no mesmo mes do 2016 e un 40% máis que en novembro de 2015.

No caso do castelo de Sobroso, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a semana pasada pechou o edificio para acometer obras nas súas instalacións relativas á reparación de humidades, mellora de instalacións e acabados, que estarán rematadas ao inicio do mes de marzo de 2018. Mentres, tal e como aclarou Silva, é posible realizar a senda botánica ambiental de Sobroso dun quilómetro que conta con paneis con códigos QR e que está a ter unha grande aceptación. De feito, “desde que en xullo puxemos en marcha esta senda rexistráronse 9.128 descargas dos contidos dos paneis sendo destacable o mes de setembro, cunha media de 70 visitas diarias en fin de semana o que amosa o gran potencial desestacionalizador que ten este espazo e a importancia de seguir apostando por cuestións vangardistas e modernizadoras no noso patrimonio”.

Amais da mellora dos recintos dos castelos, a Deputación de Pontevedra, no marco da súa firme aposta por unha nova política forestal, pola concienciación e posta en valor dos montes, está a traballar na eliminación de eucaliptos dos bosques dos castelos e a substituílos por especies autóctonas. Así, este verán elimináronse 300 eucaliptos do castelo de Soutomaior e, tal e como informou Silva, “onte mesmo comezamos cos traballos de reforestación da finca mediante a plantación de 120 carballos, dun porte medio de 1,80 metros, que se están a distribuír na parte superior da finca por onde transcorre unha das rutas de sendeirismo”. Pola súa banda, está previsto que en marzo de 2018, co informe favorable de Patrimonio, se proceda á erradicación de eucaliptos e maleza en 18 hectáreas do castelo de Sobroso para a súa substitución por sobreiras, castiñeiros e carballos.

A presidenta provincial destacou que “por máis que se empeñen algunhas ou algúns en falar moito pero non dicir nada, nós seguimos a traballar e a tomarnos moi en serio o desenvolvemento dunha nova política forestal na provincia, apostando pola concienciación e posta en valor dos nosos montes mediante especies autóctonas como son o carballo, a sobreira ou o castiñeiro”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que con estas actuacións “pretendemos poñer a punto os dous castelos para que na primavera de 2018 se convertan en castelos para todas e para todos, que promovemos, amosamos ao mundo e queremos converter en lugares atractivos dentro das Rías Baixas”.  Así, Carmela Silva adiantou que “estamos promovendo o noso patrimonio como nunca antes se fixera e xa estamos a programar accións de promoción turística dos castelos que daremos a coñecer en xaneiro de 2018”.

- Publicidade -spot_img