spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra asina a carta de apoio ao proxecto "Tempadas...

A Deputación de Pontevedra asina a carta de apoio ao proxecto “Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas”

deputacion-pontevedra-asina-carta-apoio-ao-proxecto-tempadas-igualdade-nas-artes-escenicasA Deputación que preside Carmela Silva é a primeira administración española en asinar o proxecto que vai contribuír a situar á provincia de Pontevedra como un motor de creación cultural no Estado

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,vén de asinar xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e a actriz e profesora de interpretación da ESAD de Galicia, Mariana Carballal, a carta de apoioao proxecto “Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas”, promovido en España pola Asociación para a igualdade de xénero na cultura “Clásicas e Modernas”.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción por esta sinatura,na sede de Vigo da institución provincial, a través da cal “se reclama o máis xusto que pode solicitar nunha sociedade que é que o 52% da poboación, que somos as mulleres,  teñamos as mesmas oportunidades en todos os ámbitos”. A presidenta provincial puxo de manifesto que as mulleres “estamos invisibilizadas na linguaxe, na sociedade, sufrimos todo tipo de violencias machistas, temos menos aportacións de recursos do conxunto das administracións para desenvolver os nosos proxectos… pero se hai algún ámbito fundamental na sociedade onde as cifras de participación das mulleres son moito máis inferiores que as dos homes é o ámbito da cultura”. Sen embargo, Silva remarcou que esta situación “non se corresponde coa realidade, xa que hai un inmenso número de mulleres que están a cambiar, a revolucionar e a participar en todos os ámbitos da cultura; de feito, estudan moitas máis mulleres que homes Belas Artes pese a que quen ten os contratos, quen dirixe, quen ten unha posición no mundo da cultura son os homes”.

A través deste proxecto vanse a estender os principios de igualdade no ámbito cultural nos  61 concellos da provincia  e promoverase unha acción formativa a través da Escola de Igualdade María Vinyals

A través desta sinatura, a Deputación de Pontevedra comprométese, por unha banda, a contactar cos 61 concellos adscritos á Deputación para convidalos  a unha xuntanza onde reciban  información relacionada coas “Tempadas” co fin de conseguir implicalos no proxecto e, por outro lado, a realización de xornadas de formación en comunicación para un uso correcto e non sexista da información tanto das artes escénicas como da cultura en xeral que se dá a través dos medios.

Estes obradoiros, que se organizarán a través da escola María Vinyals, estarán dirixidos a técnicos e técnicas de cultura dos concellos, e a todas as persoas que sexan encargadas de comunicación nos espazos culturais dependentes da Deputación.

Carmela Silva agradeceu a todas as mulleres que integran “Clásicas e modernas” o seu esforzo e compromiso altruísta no impulso do papel da muller na cultura. Amais, a presidenta provincial fixo un chamamento para que tanto a nivel estatal como autonómico se sigan as boas prácticas e modelos doutros países do mundo como Francia, “que consciente destas desigualdades no mundo da cultura apostaron con recursos e proxectos para facer un cambio na sociedade, boas prácticas para acadar un mundo máis xusto”.

“Tempadas de Igualdade” xurdiu como reacción aos resultados dos informes sobre cultura encargados polo goberno francés nos que se amosaba a desigualdade no sector. Así, á vista destes pésimos resultados e cos obxectivos de reclamar a igualdade real entre mulleres e homes nos postos de responsabilidade, na distribución de subvencións e nos lugares de decisión púxose en marcha este proxecto, que chegou a España en 2015 da man da Asociación para a igualdade de xénero na cultura “Clásicas e Modernas”.Unha vez realizados estudos que amosaron que a realidade española era similar á francesa comezáronse a traballar con proxectos como “Tempadas de Igualdade nas Artes Escénicas”, que ten por obxectivo instar as estruturas de produción e difusión e axentes culturais a poñer en práctica os principios de igualdade de xénero, propoñer unha folla de ruta e ofrecer a colaboración experta e impulsar a axenda europea para a igualdade na cultura.

En canto ás accións desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra tras a sinatura deste compromiso, destacan os obradoiros que se van realizar dende a escola María Vinyals, pois esta formación será impartida por unha persoa recoñecidacon coñecementos nos eidos da cultura e da igualdade como é Concha Hernández, directora do Centro Cultural Conde Duque en Madrid e do festival “Ellas crean”.

 

- Publicidade -spot_img