A Deputación convoca os II Premios Sofía Novoa Ortíz para potenciar os traballos fin de grao e fin de máster nos que se integre a perspectiva de xénero

deputacion-convoca-os-ii-premios-sofia-novoa-ortiz-potencia-os-traballos-fin-grao-e-fin-master-nos-se-integre-perspectiva-xeneroA presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou que xa está aberta a convocatoria dos II Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster.

Carmela Silva destacou que “o ano pasado foron 22 as propostas presentadas á primeira edición dos premios e queremos seguir apoiando estes traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da sociedade”.

Silva recordou a figura de Sofía Novoa Ortiz, “unha muller cunha enorme cultura, ligada ao mundo da música, moi comprometida, que foi silenciada pola historia e que nós quixemos poñer en valor a través destes premios que, amais de promover os traballos de investigación en igualdade, nos están a permitir visibilizar a unha muller que tanto aportou á nosa sociedade”.

Os Premios Sofía Novoa Ortiz están dirixidos ao alumnado da Universidade de Vigo, pertencente aos campus de Pontevedra e Vigo, que teñan presentado, defendido e aprobado ben un traballo fin de grao ou ben un traballo fin de máster durante o curso 2016/2017. En total entregaranse dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, na modalidade de traballos fin de grao e outros dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, para traballos fin de máster.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 27 de outubro de 2017 e terán como data límite da entrega dos traballos o 3 de novembro de 2017.

“Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de futuro”

A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou tamén a ocasión para dar a coñecer un proxecto, titulado “Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de futuro”, impulsado pola Rede Galega pola Inclusión (REGAI) e co que está a colaborar a institución provincial “co obxectivo de promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes e loitar contra as violencias machistas”.

En liñas xerais, trátase dun proxecto que consistirá na organización da xornada aberta “Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar” que terá lugar mañá na Casa Rosada de Poio; no curso “Claves para a comunicación oral desde a perspectiva de xénero. Mulleres empoderadas” que se estenderá entre o 13 e 15 de outubro na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis e na actividade de coaching “Fortalecemento do Movemento Asociativo Feminista” que terá lugar o 28 de outubro no Multiusos de Redondela.

Os principais obxectivos do proxecto, segundo informou a presidenta da REGAI, Carmen Cajide, son “empoderar ás mulleres mediante a formación, a reflexión e o debate; achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas e estudar asuntos de importancia real para as mulleres, que forman parte da axenda actual e que teñen impacto sobre os nosos dereitos e liberdades”.

A primeira das actuacións terá lugar mañá, sábado 7 de outubro, na Casa Rosada de Poio, e consistirá nunha xornada aberta titulada “Intervención contra as violencias machistas. Enfoque multidisciplinar”. Ao longo da xornada, abordaranse as violencias machistas dende o ámbito psico-socio-sanitario e tamén policial e xurídico. Para elo, participarán na actividade dende psicólogas e psicólogos como Fátima López e Rubén Villar, ata a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos Rosa Fontaíña, a médica de familia Rosana Izquierdo, a avogada do CIM do Grove Ana Barreiro, o inspector de Policía Local de Pontevedra José Ángel Ruibal e a xuíza experta en violencia de xénero Paz Filgueira.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies