spot_img
InicioPontevedra e Área'Depo desafío' un novo formato de probas deportivas para que poidas comprobar...

‘Depo desafío’ un novo formato de probas deportivas para que poidas comprobar o teu estado de forma

'Depo desafío' un novo formato de probas deportivas para que poidas comprobar o teu estado de formaA competición, enmarcada no Plan Estratéxico de Deportes da deputación de Pontevedra, combina a carreira, a bicicleta e a natación e terá lugar entre xullo e outubro nos concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Vigo

A procura do desafío constante para manter viva a ilusión deportiva e a promoción da riqueza paisaxística e patrimonial da provincia son o motor da nova aposta da Deputación de Pontevedra polo deporte, “Depo desafío”, un novo formato de probas deportivas que combina a carreira a pé, a travesía a nado, o tríatlon, a carreira en bicicleta de montaña (BTT) e o trail.

As probas terán lugar nos concellos de Tomiño, O Rosal, A Guarda, O Grove, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade e Vigo entre o 22 de xullo e o 7 de outubro. O ou a participante mellor situada en catro das cinco probas gañará un trofeo e un premio especial, con dorsal personalizado, voo e aloxamento, para participar na maratón de Berlín. O premio tamén abarca os mesmos gastos de desprazamento e estancia para os seus acompañantes.

Nunha presentación esta mañá na que estivo acompañada por representantes políticos de todos os concellos implicados, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan estratéxico de deportes da institución, busca “popularizar estas probas á vez que damos a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación para a práctica deportiva nunha contorna natural de maneira respectuosa, sustentable e responsable”.

Dirixidas a persoas maiores de 18 anos, admitirase un máximo de 300 participantes por cada proba e a inscrición realizarase desde mañá martes 8 de maio ás 9:00 horas ata o luns 2 de xullo ás 14:00 horas a través da plataforma de pago de www.depo.gal. Existirá a posibilidade de apuntarse para participar en todas as probas, cun custo de 30 euros por persoa, ou participar nunha soa, tendo nese caso un custo de 10 euros salvo no caso do tríatlon, no que serán 15 euros.

Máis información no regulamento de “Depo desafío”

“Depo desafío” carreira a pé

O domingo 22 de xullo ás 10:30 da mañá iniciarase a primeira proba de “ Depo desafío”, un percorrido a pé pola beira do río Miño, abarcando os concellos de Tomiño , O Rosal e A Guarda, que finalizará no espectacular monte de Santa Trega, unha contorna única pola súa riqueza patrimonial e as súas espectaculares vistas sobre a fronteira natural que conforma o Miño coa veciña Portugal.

Nunha aposta moi técnica, este “ Depo desafío” percorrerá a senda do Miño, un traxecto que alterna zonas de camiños con outras de asfalto mentres se contemplan as ricas beiras do río Miño. Esta carreira de media distancia, con 21 quilómetros 97 metros, transcorre por un terreo de apenas desnivel, moi propicia para principiantes nesta modalidade, requirindo só como equipamento calzado e roupa deportiva.

“Depo desafío” travesía

O concello do Grove acollerá o domingo 12 de agosto ás 11:30 horas a saída da segunda proba de “ Depo desafío”, unha travesía a nado con 1.200 metros de lonxitude nunha das zonas máis turísticas en pleno verán das Ría Baixas pola beleza das súas praias e a riqueza da súa gastronomía, mentres se goza da contemplación do paseo marítimo do municipio ao carón e a beleza da Illa da Toxa a outro.

A complexidade do traxecto, augas tranquilas en plena ría sen unha excesiva ondada, virá marcada polas mareas e as correntes da zona. Ademais, para abordar esta proba deportiva estará permitido o uso de traxe de neopreno ou traxe de baño e a organización facilitará un gorro de natación a todas e todos os inscritos.

“Depo desafío” trail

Tamén no mes de agosto terá lugar a terceira proba deportiva de “Depo desafío”, concretamente o domingo 26 de agosto a partir das 10:30 da mañá. Será unha proba de trail ou carreira de montaña polo concello da Cañiza e a súa contorna natural, cunha distancia de 15 quilómetros en total e unhas espectaculares vistas.

Para superar este reto deportivo será necesario que as e os participantes vaian correctamente equipados para afrontar un percorrido de subidas e baixadas continuas, recomendándose o calzado de trekking e roupa deportiva. Esta modalidade, de gran esixencia física pola multitude de obstáculos durante o percorrido, será sen dúbida unha experiencia única para poñer ao límite as capacidades físicas e lograr así a superación persoal.

“Depo desafío” BTT

A práctica deportiva coa bici todo terreo ou BTT é o desafío que a Deputación de Pontevedra propón para o domingo 16 de setembro no concello de Cerdedo-Cotobade. Con aproximadamente 35 quilómetros de lonxitude, as persoas participantes nesta esixente proba terán que sortear a golpe de pedal múltiples dificultades para chegar á liña de meta.

A bicicleta e un casco é o único material requirido para levar a cabo esta proba de “ Depo desafío” polo interior da provincia de Pontevedra. E é que esta iniciativa busca a posta en valor non só da costa das Rías Baixas senón tamén da súa riqueza interior, con paisaxes e unha oferta patrimonial digna de ser recoñecida e admirada.

“Depo desafío” tríatlon de Vigo

O domingo 7 de outubro terá lugar en Vigo a última proba de “Depo desafío”, unha competición de tríatlon na modalidade de distancia sprint.Completaranse 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé na zona de Samil, coas espectaculares illas Cíes como testemuñas de excepción do despregamento de esforzo e loita pola superación persoal que a recado realizarán as e os triatletas.

Para a realización da proba de natación, está permitido o uso de traxe de neopreno ou traxe de baño, facilitando a organización o gorro, mentres que para a práctica ciclista poderanse empregar bicicletas de estrada ou de montaña, con uso obrigatorio de casco ríxido. En canto á carreira a pé recoméndase utilizar zapatillas cómodas que permitan correr sen problema por unha contorna única que deleitará ás e os valentes deportistas que acepten o reto do “Depo desafío”.

- Publicidade -spot_img