spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaCultura e Educación promove o uso do galego entre os máis novos...

Cultura e Educación promove o uso do galego entre os máis novos a través de iniciativas como ‘Carapuchiña Vermella. O musical’, representado hoxe en Redondela

cultura-e-educacion-promove-o-uso-do-galego-entre-os-mais-novos-a-traves-de-iniciativas-como-carapuchina-vermella-o-musical-representado-hoxe-en-redondela

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse este luns ata a localidade pontevedresa de Redondela para asistir á representación de ‘Carapuchiña Vermella. O musical’, unha iniciativa que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de promover o uso da lingua propia de Galicia entre os máis novos.

A colaboración, artellada a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, favoreceu que a actividade ‘Carapuchiña Vermella’ chegara aos concellos de Baiona, Cangas, Narón, Ponteareas, Pontevedra, Ourense, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa; e permitiu que máis de 8.500 espectadores – nenos e as súas familias – puideran presenciar esta montaxe desde a súa estrea en Baiona o pasado 7 de novembro. Está previsto que a xira continúe por outros escenarios galegos durante a vindeira primavera.

O espectáculo, que acumula 18 representacións nos case catro meses que leva de xira por toda Galicia, está dirixido a público familiar con cativos/as a partir dos dous anos de idade. O secretario xeral lembrou “a importancia que teñen iniciativas de éxito que promoven a transmisión interxeracional da lingua”. Matizou que, para acadar isto, “a representación de clásicos en galego con imaxe e escenografía renovadas, consegue atraer a este tipo de actividades aos máis pequenos da casa e tamén ás familias que os acompañan, producíndose unha participación conxunta con moi bos resultados á hora de promover o galego dentro da unidade familiar e o seu contorno”.

‘Carapuchiña Vermella. O musical’
Esta proposta é unha adaptación do clásico dos irmáns Grimm que moderniza a historia e os personaxes do conto, e achégalle unha banda sonora orixinal composta por sete cancións cantadas en directo e pensadas especialmente para os máis pequenos: ‘Bebé rebelde’, ‘Cara, Cara, Carapuchiña!’, ‘Quero ser…’, ‘Camiñando polo bosque’, ‘Somos todos iguais’, ‘Fiareime eu de ti?’ e ‘O lobo’; nas que se aproveita para lembrar a igualdade entre as persoas ou a importancia da reciclaxe, entre outras mensaxes.

A montaxe mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos, sempre con voz en directo. O elenco está composto polos actores Mariña Río, Paulo Medal, Rocío Salgado e Susana Martínez, que interpretan os distintos personaxes da obra. A duración da mesma é de 50 minutos e, ao seu remate, os cativos pódense fotografar con Carapuchiña e cos demais personaxes.

A compañía encargada deste espectáculo é EducaTeatro producións, empresa viguesa de teatro infantil que comezou a súa andaina hai dous anos coa montaxe ‘Os tres porquiños’, unha obra musical con bonecos a tamaño real, que leva máis de 50 funcións por toda Galicia.

Con ‘Carapuchiña Vermella. O musical’ a produtora segue a revisar os clásicos infantís da literatura universal, dándolles unha volta e introducíndolles unha banda sonora coa que os cativos -ademais de divertírense- poidan aprender valores.

- Publicidade -spot_img