spot_img
InicioLatinoaméricaCultura e Educación participa en Uruguai no primeiro encontro de artistas novos...

Cultura e Educación participa en Uruguai no primeiro encontro de artistas novos celebrado fóra da Cidade da Cultura

Cultura-Educación-participa-Uruguai-encontro-artistas-novos-celebrado-fóra-Cidade-Cultura

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a participar en Uruguai no primeiro ‘Encontro de Artistas Novos’ que se celebra fóra da Cidade da Cultura de Galicia, e no que participan como artistas convidados os creadores galegos Félix Fernández e Jorge Perianes.

O Centro Cultural de España en Montevideo, co apoio da Asociación General de Autores de Uruguai, importa o modelo de encontro de artistas novos que se vén celebrando no Gaiás desde 2011

O Centro Cultural de España en Montevideo, organismo dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), decidiu importar a Uruguai o modelo de encontro de artistas que se vén organizando todos os meses de setembro na Cidade da Cultura de Galicia desde o ano 2011, ao considerar que esta iniciativa podía ser eficaz para promover a cultura española nese país e a colaboración coas industrias culturais locais.

María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, inaugurou este primeiro Encontro latinoamericano, que contou tamén coa presenza do embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela

A directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, foi a encargada de inaugurar este primeiro EAN latinoamericano, que contou tamén coa presenza do embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela, especialmente vencellado ao Encontro de Artista Novos xa que este evento se puxo en marcha no Gaiás durante a súa etapa como conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Xunta a eles, tamén estivo Ricardo Ramón, Director do Centro Cultura de España en Montevideo, así como Alexis Buenseñor, director de AGADU.

Ante os corenta creadores emerxentes que participan nesta primeira convocatoria, María Pereira asegurou que se trata dunha oportunidade única para dar a coñecer os seus traballos artísticos e debater con outros axentes do sector sobre arte contemporánea.

María Pereira recordou que polo Encontro de Artistas Novos, que celebrará este setembro no Gaiás a súa quinta edición, xa pasaron máis de 350 creadores, entre eles figuras que agora xa son recoñecidos no mundo da arte contemporánea como Lois Patiño, Nuria Güell ou Jorge Perianes, presente en Uruguai como convidado xunto con Félix Fernández.

Promover a arte e a cooperación coas industrias culturais

Neste primeiro EAN_Uruguai, que rematará o domingo, están a convivir no Parque Vacacional de Agadu, localizado na Atlántida, un total de 40 creadores emerxentes (a metade deles uruguaios e o resto doutros países de Iberoamerica), que están a intercambiar experiencias e coñecementos. Ademais da presenza de artistas consolidados, os participantes poderán presentar ante o resto dos compañeiros e creadores convidados a súa proposta artística.

De entre os corenta participantes, elixirase un que viaxará en setembro ata Santiago de Compostela para participar no V EAN do Gaiás, cunha bolsa que outorgará a Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).

Os galegos Félix Fernández e Jorge Perianes participan como artistas convidados, con dúas exposicións

Deste xeito, Uruguai toma o concepto e o formato da iniciativa da Cidade da Cultura, que prestará o seu apoio para promover un lugar de encontro, debate e exposición do traballo de artistas emerxentes. Ademais da aportación da ollada de dous artistas galegos que participaron no seu día en anteriores edicións do EAN no Gaiás: Jorge Perianes e Félix Fernández; esta primeira edición fóra das nosas fronteiras conta tamén co seu director, Rafael Doctor, na figura de co-director.

Exposicións de Félix Fernández e Perianes
Os dous artistas, ambos participantes do EAN e posuidores xa dunha sólida carreira no mundo da creación, participan neste primeiro Encontro latinoamericano para dar conta da súa experiencia pero tamén para dar a coñecer os seus traballos.

Cultura-Educación-participa-Uruguai-encontro-artistas-novos-celebrado-fóra-Cidade-Cultura
Os galegos Félix Fernández e Jorge Perianes participan como artistas convidados, con dúas exposicións

Tanto Félix Fernández como Jorge Perianes inauguraron este mércores no Centro Cultural de España en Montevideo dúas exposicións nas que amosar as súas creacións. Así, Félix Fernández proxectou por primeira vez a súa curta Room4, mentres que Jorge Perianes presentou un site specific, no que xoga coa propia estrutura do edificio.

Máis de 350 participantes en catro anos
Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor, figura ben recoñecida no mundo da arte contemporánea española. Tras catro edicións, o EAN é hoxe un formato consolidado no que o ao redor de 350 creadores presentaron as súas propostas artísticas no Gaiás. Recoñecidos artistas como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell foron participantes no seu día dalgunha das edicións do EAN cando aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O Encontro de Artistas Novos, que celebrará a súa quinta edición galega no mes de setembro na Cidade da Cultura, tamén favoreceu a presenza en Santiago de Compostela de destacados artistas como Dora García, Din Matamoro, Cristina Lucas, Carlos Maciá, Rogelio López Cuenca ou Carmen Nogueira, que compartiron xornadas formativas cos mozos participantes.

- Publicidade -spot_img