spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCoordinado polo CIM da Universidade de Vigo e Campus do Mar, arranca...

Coordinado polo CIM da Universidade de Vigo e Campus do Mar, arranca o proxecto para crear o maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños

coordinado-polo-cim-da-universidade-vigo-e-campus-do-mar-arranca-proxecto-crear-maior-e-mais-diverso-banco-recursos-bioloxicos-marinosPór en marcha o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños, o maior e máis diverso biobanco mariño do mundo. Este é o grande obxectivo co que este martes arrancou en Vigo a reunión de lanzamento do proxecto European Marine Biological Resource Centre Biobank, EBB, financiado polo Programa Interreg Área Atlántica con 1,5 millóns de euros, aos que se suman outros 500.000 achegados polos propios socios, e liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Campus do Mar.

Por diante quedan tres anos no que se desenvolverán novas tecnoloxías e protocolos comúns para o mantemento ex-situ, é dicir, fóra dos seus ambientes naturais, de recursos biolóxicos mariños, e se harmonizarán os xa existentes para que os diferentes biobancos traballen de maneira coordinada baixo o selo de Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.

No proxecto participan as principais coleccións de cultivos mariños mundiais, localizados en Noruega, Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal; catro clústeres de biotecnoloxía mariña de España, Francia, Portugal e Reino Unido; seis empresas con actividade no campo da biotecnoloxía mariña e as administracións competentes en España, Portugal e Reino Unido en materia de acceso aos recursos xenéticos.

1ª iniciativa de coordinación transnacional a longo prazo de biobancos mariños

A xuntanza de lanzamento celébrase hoxe martes e mañá mércores no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo e nela participan representantes de todos os socios do proxecto. Inaugurou a xuntanza Jesús Souza Troncoso, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, e Carlos Botana, responsable de Sustentabilidade do Porto. “Esta é a primeira iniciativa en propoñer unha coordinación transnacional a longo prazo de biobancos mariños”, apuntou Souza Troncoso, ao tempo que explicou que, como biólogo mariño, adoita ter que recoller mostras en todo o mundo ou solicitar préstamos de museos, universidades ou estacións mariñas. “Este é un tema ás veces difícil, xa que cada país ten as súas propias regras e protocolos para facelo. Por iso, esta iniciativa para implementar unha estratexia común para acceder aos recursos biolóxicos mariños é moi importante e útil”, recalcou o investigador, que puxo como exemplo como a semana pasada viaxou a Estados Unidos para visitar un compañeiro na Harvard University que traballa tamén no estudo de moluscos antárticos. “Levei comigo un tarro con varios exemplos recollidos fai uns anos na Antártida e, nada máis chegar ao museo desta universidade tiven que completar toda unha serie de requisitos que, de ser noutro país terían sido completamente distintos”, recalcou Troncoso.

Pola súa banda, Botana encadrou esta xornada na estreita relación que manteñen Porto e Universidade, “como non podía ser doutra maneira nunha cidade que vive do mar como é a nosa”. Neste senso puxo como exemplo a estratexia de planificación portuaria Blue Growth (Crecemento Azul) que consiste na creación de riqueza e emprego de calidade e sostible vinculado ao mar. “No caso do porto de Vigo identificamos 14 sectores vinculados á economía azul, desde a biotecnoloxía, a pesca e o turismo ata o blue energy e autopistas do mar”, recalcou Botana.

Guía de boas prácticas para cumprir coa nova lexislación

Tras a inauguración, a xornada arrancou coa presentación xeral do proxecto, que correu a cargo de Antonio Villanueva, responsable da Unidade de Calidade Ambiental da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, que se encargou tamén de explicar as características propias do Centro de Investigación Oceanográfica da Universidade de Vigo. Tras el foron intervindo os diferentes socios presentando as súas propias entidades, xa que esta foi a primeira vez que se reuniron todos. Ao longo destes dous días establecerase o plan de traballo para o próximo ano e acordaranse os principais roles e responsabilidades dos socios. “Desde a Universidade de Vigo vaise levar a coordinación de todo o consorcio e iso vai levar boa parte dos nosos esforzos”, recalcou Villanueva.

O proxecto ten dous obxectivos fundamentais. “O primeiro é coordinadar os biobancos que están dentro do EMBRC, de xeito que se desenvolvan estándares comúns de maneira que si visitas unha colección en Francia o que recibas dela sexa o mesmo que recibirías en Escocia, por pór un exemplo”, explicou Villanueva. O segundo está relacionado co desenvolvemento dunha guía de boas prácticas para cumprir coa nova lexislación sobre acceso aos recursos xenéticos. “Esta lexislación foi desenvolta no marco do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica de Nacións Unidas co interese de protexer os intereses dos países de orixe dos recursos. Actualmente atópase en fase de implementación no ámbito nacional e supón unha importante barreira burocrática para as entidades interesadas en levar a cabo investigación utilizando recursos xenéticos”, explicaron durante a xornada.

Na reunión participaron, ademais de diferentes representantes da Universidade de Vigo, expertas e expertos procedentes da Universidad del País Vasco, Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Portugal), Universidade do Algarve, Universidade Pierre y Marie Curie, Instituto de Investigación Mariña de Noruega, Fórum Oceano, Pole Mer Bretagne Atlantique, Anfaco, University of Strathclyde, Asociación de Biología Mariña do Reino Unido e a Universidade Nacional de Irlanda.

D. Besadío | UVigo

- Publicidade -spot_img