spot_img
InicioVal MiñorNigránConsenso unánime da corporación municipal na aprobación dos cinco galardoados cos 'Pemios...

Consenso unánime da corporación municipal na aprobación dos cinco galardoados cos ‘Pemios Nigrán 2017’

CEIP_CAMOS

Elixe por unanimidade no ámbito cultural ao grupo de teatro de Priegue ‘Entre lusco e Fusco’; no educativo ao CEIP A Cruz (Camos); no empresarial á Panadería Valverde; no deportivo ao Club Ciclista Rías Baixas e no social ao voluntariado do Concello de Nigrán 

O Concello de Nigrán, co consenso unánime da corporación, acordou na xunta de Asuntos Xerais celebrada este xoves aos cinco galardoados cos Premios Nigrán 2017, cuxa gala se celebrará no mes de xuño. Así, nesta sexta edición serán homenaxeados no eido cultural o grupo de teatro ‘Entre lusco e Fusco’ do CRC O Torreiro de Priegue; no educativo o CEIP A Cruz (Camos); no empresarial á Panadería Valverde; no deportivo ao Club Ciclista Rías Baixas e no social ao voluntariado do Concello de Nigrán.  A selección, feita de xeito transparente entre tódolos representantes políticos e con consenso absoluto, foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente por colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

A gala, na súa sexta edición, celebrarase no mes de xuño no Auditorio

O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados.  “Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.

OS PREMIADOS

Cultural: grupo de teatro ‘Entre lusco e fusco’

‘Entre lusco e fusco’ trátase dun grupo de veciños de Nigrán unidos pola súa paixón polo teatro. Así, naceu no ano 1998 vinculada ao CRC O Torreiro de Priegue da man da dez persoas, entre elas Pilar Rodríguez Prado, quen exerce actualmente como directora.  O grupo caracterízase por representar comedias en galego ou castelán, entre elas destacan ‘Os celos fan das súas’, ‘Papá, ¿Vas a ser papá?’, ‘A voda de Esganarello’, ‘No hay ladrón que por bien no venga’ ou a vindeira estrea ‘Los pintores no tienen recursos’. Moitas destas obras son adaptacións a cargo da propia Pilar Rodríguez. Actualmente a compañía está formada por 8 mulleres.

Educativo: CEIP Camos

O CEIP Da Cruz (Camos) inaugurouse no ano 1983. No ano 2010 deixa de ser un colexio de Educación Primaria e unifícase coa Escola Infantil de Marín (en Camos), convertíndose así no CEIP Da Cruz, actualmente formado por cen alumnos. No seu quefacer pedagóxico destacan os proxectos para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural máis próximo, actividades complementarias para crear unha conciencia ecolóxica e solidaria no alumnado ou o emprego de contos e teatro para dar a coñecer outros pobos ou promover os valores e a educación emocional. O fin último deste centro público é acadar o desenvolvemento integral dos nenos.

Empresarial: Panadería Valverde

A Panadería Valverde foi fundada nos anos 20 a carón da da praia de Panxón por Manuel Valverde Alonso, quen tivo que pechar temporalmente unha parte da Guerra Civil. Ubicada na rúa Jesús Espinosa dende hai 50 anos, actualmente traballa nela a terceira e cuarta xeración da familia Valverde; os propietarios, xa xubilados, son Alfonso Valverde (fillo do fundador) e a súa muller Rosalía Costas. O negocio  o conforman unha ducia de empregados que se multiplica durante o verán. Entre os seus produtos máis característicos destacan as empanadas, o brazo de xitano ou a tarta de Santiago, todos eles froito de receitas mantidas fielmente dende a súa orixe. A mellor materia prima, o traballo duro e a dedicación son os tres ingredientes que nunca faltan nesta panadería histórica.

Deportivo: Club Ciclista Rías Baixas

O Club Ciclista Rías Baixas naceu en Nigrán no ano 1991 da man do seu presidente, José Luís Chamorro. Tras un cuarto de século de existencia e dar o salto ao nivel competitivo en 2013 na categoría élite e sub 23, actualmente é un clube de referencia en Galicia e unha plataforma para todas aquelas promesas que queren chegar ao ciclismo profesional. Así, o que se iniciou hai 26 anos a través dun grupo de amigos coordinado por José Luís Chamorro se transformou co tempo nun clube do máximo nivel, gañando en 2016 a Volta a Galicia ou acadando o terceiro posto como mellor equipo de España, ademais dos títulos autonómicos de fondo e contrarreloxo. Actualmente o cadro o forman 60 corredores de diferentes categorías, constituíndo 16 deles a élite e sub 23.

Social: voluntariado do Concello de Nigrán

Os grupos de voluntariado do Concello de Nigrán se dividen en tres eidos: o roupeiro (creado en 2009), as clases de informática para adultos (2010) e o de axuda ao Banco de Alimentos.

O roupeiro, actualmente nas antigas instalacións municipais da Policía Local, empezou ocupando a casa do conserxe do colexio Humberto Juanes. Levado dende sempre por voluntarios, trátase dun espazo onde se recolle sobre todo roupa e xoguetes que se entrega de xeito gratuíto ás persoas que o precisan.

Antonio Lago Rodríguez, mestre xubilado, adica altruístamente as súas mañás a impartir clases de informática no Centro da Terceira Idade á xente maior que desexa iniciarse ou perfeccionar o seu manexo das novas tecnoloxías.

Finalmente, dende o ano 2016 un grupo de voluntarios encárgase de recibir, clasificar e ordenar alimentos procedentes principalmente do Banco de Alimentos pero tamén de donacións, torneos benéficos… Todo elo en colaboración cos Servicios Sociais do Concello para destinar a persoas en dificultade.

 

 

 

 

 

 

- Publicidade -spot_img