Con tal motivo, o delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, acompañado polo alcalde do municipio pontevedrés, Javier Bas, desprazáronse ata o Campo de Fútbol de Chapela para comprobar o estado final das actuacións.
Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona para o entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético. O material que se adoita a localizar nestes puntos consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.
No caso do Concello de Redondela , a acumulación de residuos foi localizada en sete puntos distintos e o seu custe valorouse en máis de 12.000 euros.
Os traballos de acondicionamento na zona consistiron na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. Coa limpeza destes puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nestas zonas, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminando o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.
Correcta xestión dos residuos
Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son os puntos limpos.
O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).
Deste xeito, contribúese á protección dos recursos naturais e dos espazos de interese ambiental de Galicia, mediante actuacións destinadas á recuperación, restauración, adecuación e limpeza dos puntos de vertido incontrolado, en especial dos que poidan afectar aos espazos naturais protexidos da Rede Natura.
Perséguese, por unha banda, reverter a degradación ambiental ocasionada polos vertidos incontrolados (asegurando a conservación da biodiversidade da Comunidade Autónoma de Galicia) e, por outra, promover a correcta xestión dos residuos, mediante a súa reciclaxe e tratamento para a súa conversión nun novo recurso.