spot_img
InicioPontevedra e ÁreaConclúe o programa RúArte 2016 no que participaron máis de 400 mozos...

Conclúe o programa RúArte 2016 no que participaron máis de 400 mozos e mozas

conclue-o-programa-ruarte-2016-no-que-participaron-mais-de-400-mozos-e-mozas

O programa Depo RúARTE 2016 pechou a súa primeira edición hoxe en Pontevedra, nun acto festivo na Alameda no que participaron preto de 200 mozos e mozas da provincia.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asistiron ao evento, no que se mostraron distintas actividades que se desenvolveron en Depo RúARTE, en concreto, graffiti, hip-hop e funky.

A Presidenta destacou o grande éxito que tivo esta iniciativa, que se desenvolveu este ano por primeira vez nos meses de verán, “un éxito que radica en que ofrecemos actividades que teñen que ver cos intereses da xuventude, e non é a Administración a que impón que actividades facer. Por iso, antes de pór en marcha o programa, preguntamos na web a mozos e mozas que cousas querían e así implementamos esta iniciativa”.

Carmela Silva manifestou que, de cara ao ano que vén, dende a Deputación volverase plantear un programa de lecer específico coma este dirixido á xuventude, “xa que cremos que permiten a socialización, favorecen espazos de encontro para a mocidade e posibilitan que realicen actividades acordes aos seus intereses”.

O programa Depo RúARTE desenvolveuse este ano por primeira vez, a través do servizo de Xuventude existente tamén por primeira vez na Deputación. O seu obxectivo foi buscar a participación activa de mozos e mozas nos concellos de menos de 50.000 habitantes a través de actividades innovadoras, modernas, dinamizadoras e educativas, e sempre de acordo cos seus intereses e demandas. Organizáronse en cinco temáticas distintas: música e baile, arte urbana, creatividade, deporte e cociña.

Durante os meses de verán, desenvolvéronse 28 actividades en outros tantos concellos da provincia, “en todos aqueles municipios que quixeron e que se adheriron a este programa”, tal e como lembrou a Presidenta. En total, participaron no programa 450 mozos e mozas destes 28 concellos. Depo RúARTE contou cun orzamento de 100.000 euros.

- Publicidade -spot_img