spot_img
InicioBaixo MiñoO Concello do Rosal organiza un concurso sobre a obra poética de...

O Concello do Rosal organiza un concurso sobre a obra poética de Rosalía de Castro, como homenaxe a escritora galega

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro e con tal motivo o Concello do Rosal quere sumarse a esta data e facer unha homenaxe á escritora galega organizando ROSALIARTE, concurso que fará referencia á súa obra poética e por outra banda fomentando a arte entre a poboación, xa que a poesía virá acompañada dunha plantilla coa silueta de Rosalía que será decorada polas persoas participantes.

Tanto na web como no propio Concello do Rosal estará a disposición das persoas interesadas a plantilla imprimible coa imaxe de Rosalía de Castro.

Este documento servirá como base para que as persoas elixan unha obra poética da autora, a escriban no espazo habilitado e o ilustren acompañando da imaxe da escritora.

Estas son as bases do concurso:

  1. O poema elixido debe ser en galego e debe presentarse cunha letra manuscrita clara e lexible ou ben impresa, e pode ser completo ou un fragmento, non superando os 15 versos como máximo. A elección do texto terá o maior peso na elección da obra.
  2. As persoas participantes terán liberdade para decorar a plantilla empregando a  imaxe de Rosalía como soporte, poderán usar a técnica que desexen tanto manual como dixital (lápices, ceras, témperas, acuarela, collage ou transformación desta imaxe con medios informáticos). Non se valorará máis a utilización dunha ou outra técnica, senón a orixinalidade e calidade do debuxo.
  3. A obra deberá ser entregada nun tamaño A4 en vertical respectando a plantilla facilitada.
  4. Admitiranse ata un máximo de 3 obras a concurso por persoa
  5. A autoría da obra será con pseudónimo escrito na parte posterior da plantilla e cun sobre pechado no que apareza o pseudónimo na parte de fóra, e dentro os datos persoais completos, idade e teléfono de contacto.
  6. O prazo de admisión terminará o venres 16 de febreiro de 2018 ás 12.00 h.
  7. Haberá un único premio para a persoa gañadora, que consistirá no viaxe e entrada para 4 persoas á casa de Rosalía de Castro en Padrón.
  8. O persoal técnico do Concello designará a composición do xurado do concurso. A decisión do xurado será inapelable. O premio poderá ser declarado deserto se as obras presentadas a concurso non cumpren as bases ou non teñen suficiente calidade.
  9. A obra gañadora e as presentadas serán expostas nos taboleiros e paredes do Salón de Exposicións do Concello e posteriormente nos centros educativos. Aparecerán así mesmo publicadas na web e redes sociais do concello.

A obra gañadora servirá como imaxe da cartelería empregada para homenaxear o día 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro.

As obras entregadas pasarán a ser propiedade do Concello, que se reserva o dereito a publicar e/ou editar as mesmas facendo uso delas segundo o seu interese.

  1. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases. A organización poderá introducir as modificacións que estime convenientes para o bo funcionamento do concurso.

 

 

- Publicidade -spot_img