spot_img
InicioVal MiñorGondomarA Concellería de Igualdade de convida a 'Tinguir de loito Gondomar' o...

A Concellería de Igualdade de convida a ‘Tinguir de loito Gondomar’ o 25 de novembro para rexeitar a violencia contra as mulleres

concelleria-igualdade-convida-tinguir-loito-gondomarA Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar anima a comerciantes e hostaleiros do municipio a participar o vindeiro 25 de novembro na campaña de sensibilización  cidadá ‘En Negro Contra as Violencias’ que desenvolverá conxuntamente en máis de 70 municipios de Galicia, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Baixo o lema ‘Gondomar en Negro’ a Concellería de Igualdade, que dirixe  a edil socialista, Nuria Lameiro, propónse tinguir de negro a vila, co obxectivo de fomentar a sensibilización cidadá contra as violencias machistas en todos os ámbitos municipais. Aqueles establecementos ou entidades que queiran unirse a esta campaña de sensibilización poderán informarse no Centro de Información á Muller (CIM). Os locais que confirmen a súa adhesión, recibirán o material promocional distribuído dende o Concello e aparecerán xeolocalizados na web da campaña www.ennegrocontraasviolencias.gal, entregando o Concello o material promocional.

A iniciativa pretende “vestir” de loito ao persoal dos comercios adheridos, os escaparates do comercio local e mesmo as mesas de locais de hostalaría, en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. “Dende a concellería de Igualdade queremos mandar unha mensaxe unánime de solidariedade, e rexeitamento da violencia contra as mulleres e de denuncia ós maltratadores para que estas conductas non queden nunca impugnes. Queremos que Gondomar quede libre das violencias machistas”, indicou a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro.

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres convidando aos diferentes gobernos a desenvolver actividades para sensibilidar á poboación. O Concello de Gondomar súmase ano a ano a esta petición levando adiante diferentes campañas que teñen en común o rexeitamento absoluto da violencia de xénero. Nesta ocasión, ‘Gondomar en negro’ quere funcionar como símbolo de dor por tódalas mulleres que sofren maltrato ou son asasinadas, só dende 2003 a maio de 2017 rexistráronse 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 en toda España.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como complemento a esta campaña, ao longo da última quincena de novembro e parte de decembro a Concellería de Igualdade desenvolverá  outras actividades, entre elas, un taller de Sensibilización e prevención en violencia de xénero’ dirixido ós mozos e mozas, nos institutos de Educación Secundaria. A actividade dirixidas ao alumnado de 4º de ESO, consistirá nunha charla coloquio no IES Auga da Laxe, os días 20, 21, 23 e 28 de novembro e no IES Terra de Turonio, os días 22, 24 e 29 de novembro.

Para fomentar a igualdade entre os cativos e cativas, a Concellería desenvolverá o 25 de novembro de 10 a 14 horas o taller de igualdade “Construíndo historias non sexistas” dirixido a rapaces e rapazas de 7 a 10 anos no que se usarán as novas  metodoloxías didácticas de Lego®Education para recrear unha historia. O obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura de Gondomar. Os interesados en participar deberán  inscribirse previamente no CIM, posto que as prazas serán limitadas. Por outra banda, o 26 de novembro ás 18h no Auditorio Municipal Lois Tobío terá lugar o espectáculo ‘Maxia pola igualdade’ a cargo da ilusionista Fani Triana.

Por último, compre lembrar  que dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán (sito en r/Portugal) ofrécese un servizo gratuíto de atención e asesoramento ás mulleres vítimas de violencia onde se  informa e axuda cos recursos existentes (asesoramento xurídico asistencia psicolóxica e atención formativa e laboral a través de itinerarios personalizados), garantindo sempre a máxima confidencialidade e anonimato. Conta co teléfono 986 360 224 e o enderezo cim@concellodegondomar.com .

 

- Publicidade -spot_img