spot_img
InicioVal MiñorBaionaCinco anos de vela adaptada en Galicia

Cinco anos de vela adaptada en Galicia

Cinco anos de vela adaptada en GaliciaA Escola de Vela Adaptada creada en 2012 polo Monte Real Club de Yates de Baiona, cumpre un lustro organizando cursos e actividades para que as persoas con discapacidade poidan gozar do mar en igualdade de condicións

O Monte Real Club de Yates celebrou hoxe en Baiona o acto de clausura do Curso de Vela Adaptada 2016-2017, unha das actividades coas que o club baionés tenta achegar ao mar a persoas con discapacidade, para que poidan gozar del en igualdade de condicións.

No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Baiona,Ángel Rodal; a Xerente da área Social de Fundación Repsol, Luisa Roldán; a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Yolanda Lesmes; o concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar e a Xefa Territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias, quen se achegou tamén ata os pantaláns do Monte Real para despedir ao barco do programa Amaromar. Esta é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Monte Real para achegar ao mar a grupos de persoas ás que a práctica de actividades náuticas póidalles supoñer unha mellora na súa calidade de vida.

É unha das accións postas en marcha pola súa Escola de Vela Adaptada, que neste 2017 cumpre cinco anos impulsando iniciativas nas que cada ano participan preto de cen persoas de diferentes asociacións e agrupacións de toda Galicia.

Cinco anos de vela adaptada en Galicia

Clases teóricas, bautismos de mar, rutas ambientais, sesións de navegación e outras actividades relacionadas co mundo náutico son algunhas das propostas nas que participaron este ano máis de 60 alumnos do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, o Centro Juan María de Nigrán, a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo (ASPAVI), a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM GALICIA) E a Asociación de Familias con Persoas con Parálise Cerebral (APAMP).

Todos eles asistiron hoxe a un acto no que recibiron, ademais duns diplomas por completar con éxito a actividade, o parabén do presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, que os felicitou polo seu entusiasmo e “porque día tras día -díxolles- con todas as vosas ganas e a vosa ilusión, demostrádesnos o moito que merece a pena este traballo e animádesnos a seguir avanzando coa nosa escola”.

Cinco anos de vela adaptada en Galicia

O presidente do club baionés aproveitou a súa intervención para agradecer tamén o apoio que lle prestan á Escola de Vela Adaptada a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial e de Deporte Galego; o Concello de Baiona e Fundación Repsol.

Sobre o escenario tomoulle a substitución o vicepresidente do Monte Real, Alejandro Retolaza, para anunciar a celebración, o próximo 16 de setembro, da terceira edición do Vertiatlón, un tríatlon solidario co que o club recada fondos para a súa Escola de Vela Adaptada.

A Secretaria Xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia foi a encargada de clausurar o evento cun discurso no que destacou a motivación e o esforzo dos alumnos dunha escola “única en España polo seu traballo de inclusión social a través do deporte”, asegurou. Marta Míguez felicitou ao Monte Real polo seu proxecto de vela adaptada, ao que o seu departamento apoia desde hai anos.

Un paso máis cara á plena accesibilidade

O Monte Real Club de Yates deu este mércores un novo paso cara ao obxectivo de lograr a plena accesibilidade das súas instalacións coa inauguración dun paseo adaptado que facilitará o tránsito de persoas con mobilidade reducida.

Cinco anos de vela adaptada en Galicia

Trátase dun camiño de 60 metros que une o edificio do club coa zona de pantaláns polo que poderán circular con total seguridade e comodidade persoas que empreguen cadeira de rodas ou outros elementos de axuda técnica nos seus desprazamentos.

Cunha anchura de case metro e medio, formigón reforzado, revestimento antiescorregadizo e perfectamente delimitado, este camiño é a última das accións postas en marcha polo Monte Real no marco do seu plan de eliminación de barreiras arquitectónicas. A compra de barcos adaptados, a eliminación de bordos, a construción de ramplas ou a remodelación dos baños foron algunhas das actuacións realizadas anteriormente.

O encargado de inaugurar o paseo foi o concelleiro de Accesibilidade de Baiona, Policarpo Vilar, ao que acompañaron o alcalde baionés Ángel Rodal e a concelleira de Benestar Social, María del Carmen Paredes.

- Publicidade -spot_img