spot_img
InicioVal MiñorBaionaUn centenar de postos encherán a Praza de Santa Liberata en Baiona...

Un centenar de postos encherán a Praza de Santa Liberata en Baiona nunha nova edición da Festa do mel e as noces

A Praza de Santa Liberata de Baiona acolle o vindeiro luns e martes a tradicional Romaría de San Cosme e San Damián, máis coñecida popularmente como a Festa do mel e as noces.

Pechado o prazo de solicitudes, a Concellería de Cultura de Baiona valorou positivamente a participación de artesáns do Val Miñor como Mestura, Revolto Artesanal Galego e do sector agroalimentario da comarca,  cun  incremento considerable dos postos de venda  para esta edición.

A Festa da Mel e das Noces contará con corenta postos individuais de mel, noces, castañas e produtos de cosmética natural que estarán situados na contorna da praza de Santa Liberata. Ademais, haberá uns 48 postos propios de artesanía, antigüidades, froitas e hortalizas, queixos, plantas, rosquillas, garrapiñadas, churros, algodón de azucre, etc. que estarán situados pola rúa Marqués de Quintanar, desde a Glorieta de Colón ata a Praza de Santa Liberata.

Este ano como novidade e dentro dos postos de comida haberá unha pulpería de O Carballiño, un posto de porco celta, comida mexicana e doces, pero tamén haberá actividades para os máis pequenos coas atraccións de feira típicas da romaría.

A Concellería de Cultura ve incrementado así as solicitudes con respecto a outros anos, facendo un balance positivo das inscricións e desexando que a romaría aos poucos volva ter o auxe e o prestixio dos anos pasados.

Entre o 25 e o 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, tamén ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeiros ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos.

Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden mercar todo tipo de produtos do campo, dende mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e  pasarrúas. As festas comezarán o luns ás 11:00 horas coa tirada de fogos e as 12:00 horas levarase a cabo, no Salón de Plenos do Concello, a entrega da distinción honorífica de “Fillo Adoptivo de Baiona” ao Doutor Lorenzo Pousa.

- Publicidade -spot_img