spot_img
InicioGaliciaCompostelaCatrocentos escolares de toda España participaron en Santiago no VII Campionato Nacional...

Catrocentos escolares de toda España participaron en Santiago no VII Campionato Nacional de Cálculo con Ábaco

Catrocentos escolares de toda España, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, participaron este sábado no VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetico.

O evento estivo organizado por Aloha Mental Arithmetic en colaboración co Departamento de Educación e Cidadanía. O seu concelleiro responsable, Manuel Dios, achegouse ao CEIP López Ferreiro para presenciar a proba.

Para facerse co título de Campión Nacional de Cálculo, os participantes tiveron que realizar 70 operacións aritméticas en 5 minutos, utilizando unicamente como ferramentas un ábaco, a súa axilidade mental e as súas mans.

O alumnado puxo así en práctica as habilidades aprendidas durante o curso a través do Aloha Mental Arithmetic. Este programa de desenvolvemento mental, que se imparte a 15.000 alumnos de 500 centros escolares de toda España, ensina aos nenos e nenas a realizar as operacións matemáticas de sempre dun xeito diferente, máis rápido e máis eficaz.

A proba tivo lugar no CEIP López Ferreiro. Os nenos e nenas participaron en distintas categorías, de acordo coa súa idade e formación. Os premios aos Campións Nacionais de Cálculo entregáronse pola tarde no Teatro Principal.

Xincana
A gran novidade do VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetic foi unha divertida xincana na que os nenos, acompañados das súas familias e coa única axuda do seu enxeño e dun móbil con conexión a Internet, debían resolver unha das sete misións especiais que se desenvolveron nas rúas de Compostela. Misións tan especiais como evitar o roubo do botafumeiro da Catedral, recuperar o Códice Calixtino, descubrir os ingredientes da tarta de Santiago ou aprender a elaborar unha gaita.

Durante algo máis de dúas horas, as familias, ben de forma independente ben en colaboración con outros grupos, resolveron un destes misterios relacionados coa historia e a cultura de Santiago. Para iso contaron coa axuda do Tuno Astuto, que lles foi ofrecendo pistas e formulando enigmas para que cada grupo puidera resolver a súa misión, así como de distintos personaxes que interactuaron con eles polas rúas de Compostela.

Nesta xincana colaboraron, entre outras entidades, tres institucións museísticas da cidade: Museo do Pobo Galego, Fundación Eugenio Granell e Museo das Peregrinacións.

- Publicidade -spot_img