spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCarmela Silva recolle en Madrid a 'Q' de calidade outorgada ás oficinas...

Carmela Silva recolle en Madrid a ‘Q’ de calidade outorgada ás oficinas de Turismo Rías Baixas

A oficina do Palacete das Mendoza e do Mosteiro de Armenteira foron as primeiras de Galicia en obter o distintivo Q de Calidade

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polos deputados e deputadas de turismo, Cooperación, Emprego e Mobilidade recolleu na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles de Madrid os distintivos Q outorgados polo Instituto para a Calidade Turística Española ás oficinas do Palacete das Mendoza e do Mosteiro de Armenteira. A distinción, tal e como asegurou a Presidenta Provincial “supón un recoñecemento á calidade dos servizos prestados por Turismo Rías Baixas, xa que valora o esforzo pola promoción da participación activa das usuarias e usuarios na mellora do punto, pola maior confianza na profesionalidade e formación do persoal e o impulso da mellora da xestión da oficina”.

Os puntos de información de Turismo Rías Baixas son as primeiras oficinas turísticas de Galicia que obtiveron a Q de Calidade Turística. Para lograrlo, superaron unha estrita auditoría que valorou a calidade das instalacións, o servizo de atención e de acollida ao turista e a continua mellora dos medios técnicos e humanos.

A provincia de Pontevedra conta con 115 establecementos coa “Q” de Calidade Turística que supoñen o 40% dos establecementos de Galicia, que conta con 284 entidades certificadas. Ó respecto, Carmela Silva manifestou a súa satisfacción “pola excelencia da nosa provincia e polo esforzo que entidades e empresas están a realizar en materia de calidade, que está a repercutir de forma tan positiva no sector turístico, tan importante para a economía das Rías Baixas”.

 

- Publicidade -spot_img