spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCarmela Silva "A Xunta e o Estado deberian de comprometerse con Tui...

Carmela Silva “A Xunta e o Estado deberian de comprometerse con Tui polo seu papel como eixo central na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”

carmela-silva-a-xunta-e-o-estado-deberian-de-comprometerse-con-tui-polo-seu-papel-como-eixo-central-na-eurorrexion-galicia-norte-de-portugal

A Presidenta da Deputación manifesta que “sería unha irresponsabilidade que as administracións non apoiasen proxectos en Tui  e no Baixo Miño tendo en conta as súas enormes potencialidades”

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou esta mañá o concello de Tui, da man do seu alcalde, Enrique Cabaleiro, e de membros do goberno municipal, para falar dos proxectos que a institución provincial está a poñer en marcha no concello e coñecer, de primeira man, as súas principais demandas para a vila.

Unha das principais cuestións que se trataron no encontro foi o papel clave de Tui na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao respecto, Carmela Silva manifestou que “sería unha irresponsabilidade que as administracións públicas non apoiasen proxectos en Tui e no Baixo Miño, tendo en conta a posición estratéxica e as enormes potencialidades de todo tipo que ten esta comarca, por iso, neste eido, tendes o compromiso absoluto do goberno provincial e fago un chamamento á Xunta e ó Goberno de España para que se sumen a nós”.

Máis polo miúdo, Carmela Silva pediu que “o sur da provincia de Pontevedra e Tui como un dos seus núcleos principais, poidan ter as infraestruturas e proxectos que permitan converter a este territorio nun gran centro de desenvolvemento” e incidiu, entre outras cuestións, na saída sur ferroviaria Vigo-Oporto, “clave para Tui e por ende para a provincia de Pontevedra”.

Durante a reunión tamén se falou dos proxectos que o concello de Tui está a levar a cabo coas  achegas da institución provincial ao abeiro do Plan Concellos. Neste caso, Carmela Silva subliñou que este ano o orzamento para a vila supera o millón de euros, subindo un 6% con respecto ao 2016, cando as achegas xa subiran un 28% con respecto ao 2015. Amais, a Presidenta da Deputación manifestou que o ano pasado, xunto aos investimentos do Plan Concellos de preto dun millón de €, a institución provincial destinou “máis de 40.000 € en cultura, preto de 65.000 € en cohesión social, máis de 85.000 en deportes e apoios a clubs, preto de 60.000 € en promoción do emprego e de 2.000 € en igualdade”.

Carmela Silva destacou o papel de Tui na promoción turística que a institución provincial está a desenvolver este ano e que xa se presentou en Pontevedra, Vigo, Madrid, mañá o fará en Lisboa e nos vindeiros meses en Andalucía. “Quero recordar – tal e como indicou Silva- que este ano un dos eixos promocionais é “Cruzando camiños” no que o Camiño Portugués Tradicional e Tui como o seu centro neurálxico son grandes protagonistas e teñen un papel fundamental”.

Esta promoción do camiño tamén se levará a cabo, segundo adiantou a Presidenta da Deputación, nas casas galegas situadas en diferentes puntos da xeografía mundial, “para establecer relacións que nos permitan que as galegas e os galegos teñan un contacto permanente con nós, baseado no respecto e no moito que lles debemos, para que a través delas e deles se poida transmitir e coñecer o noso territorio”. 

E xunto coas presentacións de destino e a presenza en casas galegas, outra das liñas promocionais do camiño e de Tui como corazón da ruta portuguesa tradicional é o patrocinio de series audiovisuais. Ao respecto, Carmela Silva subliñou que “xa o fixemos coa serie “O Final do Camiño” e o faremos con “Camiños de Irmandade” que se vai emitir proximamente na TVG e na RTP1 Portuguesa con nove episodios dos cales o número 8 transcorre en Tui, con imaxes da catedral, da ponte de ferro, do palco e terraza da Rúa Ordóñez, da beira do Miño…”.

O alcalde de Tui subliña que a institución provincial, cun incremento do 6% dos recursos do Plan Concellos con respecto ao ano anterior, é a que máis está a investir no concello

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, pola súa banda, destacou que a Deputación de Pontevedra é a institución que máis está a investir no concello. En concreto, Cabaleiro manifestou que a través das achegas do Plan Concellos “estamos a levar a cabo investimentos na mellora dos espazos e equipamentos públicos, sobre todo os destinadas ao ensino, á cultura e á práctica de actividades deportivas xa que moitas infraestruturas se atopaban en situación precaria”.

A Deputación de Pontevedra investiu no 2016 máis de 1,4 millóns de euros en Tui, impulsando a posta en funcionamento de actuacións e proxectos entre os que se atopan as obras realizadas para manter e conservar o Centro Municipal de Remo, ás que a institución provincial destinou 35.000 € e que permitiron resolver os problemas de humidades e filtracións, así como a evacuación de augas pluviais e as gretas na súa fachada, e as melloras nas instalacións deportivas Álvarez Durán, ás que a Deputación achegou máis de 227.000 € a través dos cales se mellorou o céspede artificial e o perímetro do recinto.

 

- Publicidade -spot_img