spot_img
InicioVal MiñorGondomar‘Carapuchiña Vermella, o musical’ chega este sábado a Gondomar

‘Carapuchiña Vermella, o musical’ chega este sábado a Gondomar

carapuchina-vermella-o-musical-chega-este-sabado-a-gondomar

O espectáculo de EducaTeatro Producións representará unha única función ás 20:00h no Auditorio Municipal Lois Tobío

EducaTeatro Producións trae a Gondomar o seu espectáculo musical ‘Carapuchiña Vermella’. Unha adaptación do clásico dos Irmáns Grimm que moderniza a historia e os personaxes do conto e introdúcelle unha banda sonora orixinal composta por sete cancións.

A proposta mestura teatro de actor con manipulación de corpóreos e voz en directo. A parte musical pretende transmitir aos máis pequenos valores como a ecoloxía e a igualdade, ao mesmo tempo que ensina a reciclar ou as profesións.

O elenco está composto por 4 actores que interpretarán os distintos personaxes da obra. A duración da peza é de 50 minutos, e ao final da función, os cativos poderán sacar fotografías con Carapuchiña, a avoa, o leñador e, os máis valentes, tamén co lobo.

O musical, que xa leva máis de 30 representacións por toda Galicia e máis de 30.000 espectadores, poderase ver en Gondomar o este sábado, 29 de novembro, cunha única representación ás 20:00h no Auditorio Municipal Lois Tobío. As entradas poderanse adquirir na billeteira do Auditorio dende as 18:30h, cun prezo único de 2,5€

EducaTeatro

Educateatro producións é unha produtora viguesa de teatro infantil que comezou a súa andadura hai dous anos co espectáculo ‘Os tres porquiños. Unha obra musical con bonecos a tamaño real’, que ata o momento escenificou máis de 50 funcións por toda Galicia colleitando grandes éxitos. Agora volve aos teatros galegos cunha nova proposta, ‘Carapuchiña Vermella. O Musical’  coa que continúa a revisar os clásicos infantís da literatura universal dándolle unha volta e introducíndolle tamén unha banda sonora coa que os cativos, ademais de divertirse, poidan aprender valores.

- Publicidade -spot_img