O Campus de Vigo acolle a exposición “Sustentabilidade en feminino: Achegas das mulleres a sustentabilidade do mar”

campus-vigo-acolle-exposicion-sustentabilidade-feminino-achegas-das-mulleres-sustentabilidade-do-marA exposición “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, chega ao Campus de Vigo.

Así, desde hoxe e ata o vindeiro 10 de febreiro, as persoas interesadas en coñecer a participación e o papel da muller no mundo do mar poderán visitar a mostra no Edificio de Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.

“Sustentabilidade en feminino” chega a Vigo tras o seu paso pola Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra. De feito, foi neste Campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para visibilizar o papel da muller e a súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra, que poderá visitarse na Facultade de Ciencias do Mar ata o vindeiro 10 de febreiro, está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.

Tras o seu paso polo Campus de Pontevedra e de Vigo, a exposición chegará nos vindeiros meses ao Campus de Ourense e ao Museo Massó, aínda que tamén está aberta a empresas, fundacións, asociacións e concellos que así o soliciten á Deputación de Pontevedra, co obxectivo de espallar o papel realizado polas mulleres en relación á economía e cultura marítima.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies