spot_img
InicioO SalnésCambados, Meaño e O Grove acollen o IV Torneo Internacional de Balonmán...

Cambados, Meaño e O Grove acollen o IV Torneo Internacional de Balonmán Deputación de Pontevedra

cambados-meano-e-o-grove-acollen-o-iv-torneo-internacional-de-balonman-deputacion-de-pontevedra440 deportistas europeos competirán no torneo nas categorías de infantil, cadete e xuvenil feminina e masculina

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada provincial de deportes, Chelo Besada, ás alcaldesas de Cambados e Meaño, Fátima Abal e Lourdes Ucha, ó alcalde de O Grove, José Antonio Cacabelos, e ó Presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, deron a coñecer esta mañá no Pazo Provincial o IV Torneo Internacional de Balonmán Deputación de Pontevedra que terá lugar, entre o 5 e 7 de decembro, nos concellos de Cambados, Meaño e O Grove.

No IV Torneo Internacional de Balonmán Deputación de Pontevedra participarán equipos de España así como representantes de Holanda,  Italia e Dinamarca. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que “este torneo é un modelo de colaboración intermunicipal para o impulso do deporte e dinamización económica da provincia de Pontevedra”.

O IV Torneo Internacional de Balonmán Deputación de Pontevedra reunirá a xogadores das categorías infantil, cadete e xuvenil feminina e masculina. Carmela Silva destacou a importancia de que “compitan equipos femininos e masculinos, en igualdade de condicións, unha cuestión que promoveremos e impulsaremos desde a Deputación de Pontevedra”.

Máis de 440 deportistas, que representarán ás seleccións de Galicia, Asturias e Cantabria (España), de Zuiz e Utrecht (Holanda), de Aaurhus (Dinamarca) e de Kellona Palermo (Italia), desprazaranse ata a provincia de Pontevedra. Así, a Presidenta da Deputación manifestou o “grande poder de atracción de eventos como este, xa que ós 440 deportistas os acompañan familiares contribuíndo, así, á dinamización económica destes concellos da provincia de Pontevedra”.

No que se refire ás políticas deportivas da Deputación de Pontevedra, a Presidenta adiantou que “temos moito interés en que se posibiliten proxectos como este, nos que os concellos colaboren sumando sinerxias e se poñan de acordo para poder realizar actuacións deportivas que permitan visibilizar a importancia que ten esta cuestión na provincia de Pontevedra”. Para elo, Carmela Silva destacou que “se acabaron as subvencións nominativas para dar paso á concorrencia, a impulsar subvencións de proxectos concretos que teñan retorno para os deportistas pero tamén para o conxunto da sociedade”.

O IV Torneo Internacional de Balonmán Deputación de Pontevedra disputarase en dúas fases para cada unha das categorías nas instalacións dos pavillóns de O Pombal e IES Cabanillas (Cambados), Coirón (Dena, Meaño), Monte da Vila 1 e Monte da Vila 2 (O Grove).

 

- Publicidade -spot_img