spot_img
InicioBaixo MiñoCambados acolleu a presentación oficial da XXVII Festa da Langosta e da...

Cambados acolleu a presentación oficial da XXVII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda

cambados-acolleu-presentacion-oficial-da-xxvii-festa-da-langosta-e-da-cocina-marineira-da-guarda
De izq. a dta.: Xurxo Charlin, Fátima Abal Roma,Antonio Lomba e Montserrat Magallanes.

Hoxe martes 20 de xuño os xardíns do Pazo de Torrado en Cambados foi o escenario da presentación da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira que terá lugar no porto da Guarda os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo.

Este ano escolleuse a vila pontevedresa de Cambados que foi declarada Cidade Europea do Viño 2017. Ademais cada ano achéganse centos de veciños e turistas de Cambados e dos seus arredores xa que é un público moi fiel á cita gastronómica coa que se da comezo o mes de xullo e as vacacións para moitos.

Neste fermoso espazo os establecementos colaboradores ofreceron unha mostra dos pratos e produtos que se poderán degustar nesta festa de recoñecido prestixio e un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia.

Unha gran mesa acolleu as decenas de pratos como os percebes, nécoras, navallas, vieiras, croquetas e un longo etcétera ata os 20 pratos que se poderán degustar. Sen esquecer a raíña da langosta da que se reparten uns 500 kg cada ano xa sexa á prancha ou cocida. Nesta edición os restaurantes da Guarda que participan son Casa Olga, O Cangrexal e Xeito.

Xunto aos restauradores estivo presente o xerente da Adega Gran Novas, do veciño concello do Rosal, e que se estrean nesta edición co seus viños, albariño e do Rosal que contan coa Denominación Rías Baixas. Outra novidade deste edición é a participación da Pastelería Montserrat da Guarda que é a encargada do doce con produtos como rosca de xema, tarta de Santa Trega, atalaias de froita, nécoras doces entre outros doces.

O acto comezou coa intervención de Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados, que agradeceu ao Concello da Guarda a elección de Cambados como escenario da presentación desta festa gastronómica recoñecida como festa de Interese Turístico de Galicia. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, continuou amosando aos presentes a importancia da festa para a vila da Guarda e aproveitou para dar a coñecer as novidades da programación como é os pregoeiros de excepción para esta vixésimo sétima edición o Bruxo Queiman e Andrea Pousa que farán as delicias aos presentes co seu arte galego. Tamén destacou a actuación de María do Ceo que será a encargada de pechar esta edición coa noite de Fado. Sen esquecer outra cita xa habitual na programación da festa como é a Travesía a nado Porto da Guarda que se celebrará a mañá do sábado ou a feira de artesanía que se poderá visitar durante a fin de semana na rúa do Porto.

No acto tamén estiveron presentes o Concelleiro de Economía de Cambados, Xurxo Charlin e a Concellería de Turismo da Guarda, Montserrat Magallanes, responsable da organización desta festa gastronómica.

- Publicidade -spot_img