spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona instala unha mouteira da ruta xacobea ás portas da nova Oficina...

Baiona instala unha mouteira da ruta xacobea ás portas da nova Oficina de Turismo

Baiona instala unha mouteira da ruta xacobea ás portas da nova Oficina de Turismo

Un total de 1.640 peregrinos, o 75% estranxeiros, pasaron durante o ano 2016 pola Oficina de Turismo que este ano amplía o seu horario.

O Concello de Baiona segue a apostar con forza pola promoción do Camiño pola Costa con diferentes iniciativas para atraer peregrinos a un percorrido que o alcalde, Ángel Rodal, definiu este mércores como a ruta xacobea “máis bonita”.

Despois de que o mes pasado a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, colocara as doce mouteiras que sinalan o trazado do Camiño pola Costa a través do Casco Histórico de Baiona, este mércores a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo.

Ante o incremento de peregrinos e co obxectivo de ofrecer maior información aos camiñantes, as novas dependencias municipais situadas na rúa Arquitecto Jesús Valverde amplían tamén o seu horario de atención aos visitantes e pasa a estar aberta entre as 10:00 e as 14 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas (o horario de verán será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas).

Nun acto no que os representantes municipais invitaron aos  sectores empresariais e económicos da Vila a coñecer a nova oficina, procedeuse este mércores a inauguración da  sinalización. “Sen dúbida estamos na ruta máis bonita do Camiño de Santiago e despois de dez anos traballando conseguimos que xa fose oficial o noso Camiño pola Costa, feito que axudou notablemente ao incremento de peregrinos”, sinalou o alcalde, Ángel Rodal, durante a colocación da nova mouteira.

A concelleira de Turismo, Beatriz González, resaltou o incremento na afluencia de visitantes durante a Semana Santa, de forma especial no que fai referencia a peregrinos de procedencia estranxeira. “A pesar de que a oficina non está no percorrido exacto do Camiño pola Costa é notable a chegada de visitantes solicitando información, polo que o novo horario e a sinalización facilitarán o seu percorrido por Baiona”, explicou.

Balance do 2016

Ao longo do ano 2016, o número de peregrinos que visitaron a Oficina de Turismo foi de 1.640, dos que 405 procedían do  territorio nacional e 1.235 foron estranxeiros (75% do total). Respecto a anos anteriores, rexistrouse un incremento do 47,9% sobre 2015. O Camiño de Santiago non pasa exactamente polo punto no que se atopa a oficina, polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte das cifras totais.

No balance global, a Oficina de Turismo de Baiona rexistrou o ano pasado un importante aumento de visitas despois de dous anos nos que a cifra descendera sensiblemente. Un total de 115.734 persoas pasaron en 2016 polas instalacións municipais do Paseo da Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, superando as cifras dos tres anos anteriores: 2013 (107.280), 2014 (106.862) e 2015 (106.709).

- Publicidade -spot_img