Baiona contará en primavera cun novo parque infantil na Palma

baiona-contara-primavera-cun-novo-parque-infantil-na-palmaBaiona contará a vindeira primavera cun novo parque infantil na Palma que incluirá un gran castelo medieval temático acorde coa Fortaleza de Monte Real que ten ao seu carón.

O goberno local de Baiona ultima o documento de licitación para que a obra saia de inmediato a concurso e así destinar parte dos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a unha reforma integral do parque infantil da Palma.

“Trátase do principal lugar de ocio para os máis pequenos da Vila e temos previsto aproveitar toda a zona coa instalación dun parque totalmente novo”, apunta a concelleira de Parques e Xardíns, María Iglesias.

O proxecto vai destinado a reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións. O obxectivo é renovar unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio.

O Concello xa definiu as características que terán as novas instalacións e contempla unha ampliación de case 100 metros cadrados para alcanzar un máximo de superficie de 560 metros cadrados de chan continuo. Ademais, estará preparado con elementos para todas as idades e disporá de xogos para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade.

Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.

“É o noso parque por excelencia, o máis grande, é contará cun orixinal castelo temático en clara alusión á Fortaleza que o protexe”, engade María Iglesias.

O proxecto conta cun orzamento de licitación de 211.000 euros destinados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies