A aula CeMIT de Tomiño pechou o ano con 67 novos usuarios e 370 horas de formación impartidas

aula-cemit-tomino-pechou-ano-67-novos-usuarios-e-370-horas-formacion-impartidasA aula CeMIT do concello de Tomiño pechou o ano cun excelente balance de datos: durante o 2017 déronse de alta neste centro 67 novos usuarios e usuarias, cifra que eleva ata 1.047 o número de persoas rexistradas dende a apertura da aula no ano 2011.

Dende os seus inicios, a aula CeMIT acolleu máis de 200 actividades formativas entre cursos, charlas e outras actividades, 23 delas durante todo este ano, o que supoñen máis de 370 horas de formación aproveitadas por preto de 100 persoas durante todo o 2017. Para o responsable do Promoción Económica municipal, Antonio Tartaglione, “dende o Concello de Tomiño, xunto coa administración autonómica, seguimos a apostar pola aula CeMIT. Despois dos resultados do ano 2017, queremos seguir formando aos tomiñeses e tomiñesas no uso e familiarización das novas tecnoloxías”.

Por este motivo, a aula xa ten planificada a súa oferta formativa para o vindeiro ano, que nesta ocasión incluirá desde diversos cursos de capacitación dixital básica, como o de ‘Iniciación a informática e internet’ ou ‘Manexo de móbiles’, ata algúns máis avanzados como poden ser o de ‘Uso da administración electrónica’, ‘Procura de emprego a través de internet’ ou ‘Retoque fotográfico’, entre outros.

Durante o 2018 a aula tamén acollerá o exame para a certificación de competencias dixitais en ofimática. Ao longo de todo o ano a aula CeMIT de Tomiño abrirá as súas portas de luns a venres de 09.15 a 14.15 horas, con apertura polas tardes os martes e xoves (de 19.00 a 20.30 horas). Aqueles veciños e veciñas interesados en recibir información poden pasar pola aula, situada no Campo da Feira, chamar ao 986623304 ou enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal.

Instalacións

A aula CeMIT dispón dun espazo principal con 11 ordenadores, impresora multifunción, 10 cámaras web, canón, cámara dixital, 10 auriculares con micrófono… aos que os usuarios e usuarias poden acceder de forma libre e gratuíta. Ademais, contan co apoio e asesoramento dun axente especializado que os guía e axuda no funcionamento da aula e das instalacións.

A Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia para impulsar as TIC e a Sociedade da Información na comunidade galega. A rede caracterízase por impartir actividades formativas no eido da alfabetización dixital e do emprendemento e conta coa colaboración de 92 concellos, entre eles o de Tomiño.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies