spot_img
InicioBaixo MiñoO auditorio de Goián acolle o festival da Escola de Gaitas e...

O auditorio de Goián acolle o festival da Escola de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio

auditorio-goian-acolle-festival-da-escola-gaitas-e-danzas-virxe-do-alivioA Asociación Cultural Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio naceu hai 28 anos coa intención de xuntar a veciños e veciñas interesados polo baile e sen pensar que ía a crecer tanto co tempo e a acabar converténdose no grupo folclórico máis completo da comarca, cunha escola de gaitas, de danza, de percusión, de pandeiretas e mesmo coa creación dunha treboada.

A Asociación Cultural Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio empeza o ano con forza. Para amosar todas as actividades que están a facer nestes intres invitar a todos os tomiñeses e tomiñesas a participar no Festival ‘Bótoche un baile’, que se celebrará este sábado 20 de xaneiro ás 20.00 horas no auditorio de Goián.

Trátase do tradicional encontro de Nadal, que este ano a asociación tivo que adiar por motivos persoais, un festival “familiar no que participaremos todos e todas” e que servirá de escaparate da boa música e do bo baile que saben facer as case 60 persoas que conforman a asociación, que ofrece distintas modalidades. O festival conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Deputación de Pontevedra e da Comunidade de Montes Parroquia de Tomiño.

Para todos os públicos

A Asociación Cultural invita a todos os cidadáns e cidadás non só a desfrutar do festival, senón a participar nalgunha das escolas que actualmente están en marcha. Con membros de entre 5 e 70 anos, os distintos grupos ensaian os martes e venres en San Benito e soamente é preciso pasar por alí ou poñerse en contacto coa organización para “probar calquera das nosas actividades. E hainas para todos os públicos porque temos moita variedade”, salienta Rocío Gómez, membro da asociación, quen asegura que “temos familias enteiras participando na asociación, estamos abertos a todo o mundo que queira visitarnos”.

auditorio-goian-acolle-festival-da-escola-gaitas-e-danzas-virxe-do-alivioTodo o aprendido e ensaiado soe poñerse en práctica en tres festivais anuais: o de Nadal, adiado o ano pasado; un celebrado no mes de agosto, no que soen facer intercambio con grupos doutras cidades tanto de España como de Portugal; e un festival infantil con todos os nenos e nenas que participan na asociación e que soe levar implicado tamén un intercambio cultural.

Pero ademais de todas as actividades musicais e de baile, dende a asociación organizan para os seus membros outro tipo de actividades “de formación para os e as integrantes, como un obradoiro de peiteados que nos sirva para cando imos a festivais fóra da casa, ou de entretemento para os máis pequenos e pequenas, como un obradoiro de adornos de Nadal, actividades coas que motivalos, animalos e que non se aburran, que desfruten e que non pensen que connosco todo é ensaiar”.

- Publicidade -spot_img