spot_img
InicioLatinoaméricaAtender as necesidades asistenciais dos maiores galegos residentes no Uruguai, obxectivo do...

Atender as necesidades asistenciais dos maiores galegos residentes no Uruguai, obxectivo do novo convenio asinado entre a Xunta e o ‘Fogar Español’ de Montevideo

Atender-necesidades-asistenciais-maiores-galegos-residentes-Uruguai-obxectivo-novo-convenio-asinado-Xunta-Fogar-Español-MontevideoO secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou a súa nova viaxe a Arxentina e Uruguai potenciando a aposta social do Goberno galego coa sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Xunta e, nesta ocasión, o Fogar Español de Anciáns de Montevideo.

O secretario xeral da Emigración asiste ademais na capital charrúa a cadansúa xuntanza do dominio ‘.gal’ e da mocidade participante no ‘Conecta con Galicia’

Este centro foi fundado en xaneiro de 1963 con fins benéficos e asistenciais, e dirixido a anciáns con dificultades económicas. Nun inmoble propiedade do Goberno español que o brinda en usufruto, alberga a preto de 200 anciáns, dos que a inmensa maioría son galegas e galegos. Aquelas e aqueles maiores con recursos económicos sufragan parte ou a totalidade da súa estadía, e as administracións española e galega cofinancian a parte daqueles que carecen da suficiente capacidade económica.

O Fogar posúe ademais un obradoiro de laborterapia multidisciplinario, único no seu xénero entre os países iberoamericanos.

O convenio
O convenio entre a Xunta de Galicia e o Fogar Español de Anciáns de Montevideo ten por obxecto contribuír a garantir a atención das necesidades sociais e asistencias básicas do colectivo de cidadás e cidadáns galegos residentes na República Oriental do Uruguai.

Recóllese no documento que “no Uruguai reside unha amplísima colonia de galegos e dos seus descendentes que están a sufrir unha situación de crise socio económica, que xera un deterioro do nivel de vida da cidadanía en xeral, e que se está a agravar no sector de poboación de maior idade debido á falta real e operativa de mecanismos integrais de cobertura social e asistencial”.

Pola sinatura do acordo, dotado con sesenta mil euros achegados entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (dependente da Consellería de Traballo e Benestar), o Fogar comprométese a proporcionar prestacións de atención residencial aos cidadáns galegos ingresados nas instalacións da entidade, a realizar actuacións en prevención sanitaria e proporcionarlles medicamentos e outro material xeriátrico en caso de necesidade, e a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos competentes de control da Comunidade Autónoma.

‘.gal’ e ‘Conecta’
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración completa a súa xornada en Montevideo cunha reunión de traballo co embaixador de España en Uruguai, o galego Roberto Varela, quen o acompañou na sinatura do convenio co Fogar Español de Anciáns, e con quen tivo ocasión de intercambiar información sobre a actualidade da diáspora galega naquel país.

O secretario xeral asiste asemade a unha nova xuntanza preparatoria do Conecta con Galicia, tal e como xa fixera onte en Bos Aires. Mediante esta iniciativa, Emigración colabora para que cada ano mozas e mozos descendentes de galegos na diáspora podan coñecer persoalmente a Galicia actual e moderna, como mecanismo para favorecer o coñecemento da Galicia territorial, e por tanto fomentar a súa vinculación e arraigo, das xeracións novas de galegos xa nados no Exterior. Desta maneira, a mocidade na diáspora serve de cadea de transmisión dos tesouros turísticos, culturais e sociais da nosa terra entre a súa contorna, e mediante a propia experiencia persoal, de xeito que se provoca un efecto multiplicador directo da presenza e influenza reais de Galicia no Exterior.

‘Conecta’ desenvólvese en dúas modalidades (unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo), mediante as que fai posible a convivencia de 200 descendentes de galegos con mozas e mozos residentes na Comunidade Autónoma. Neste ano 2015, aumentou un 5’2% o número de prazas convocadas.

Rodríguez Miranda tamén asiste a outra reunión de traballo, nesta ocasión do ámbito tecnolóxico e de proxección internacional de Galicia, entre representantes do dominio .gal e centros da colectividade galega. Cómpre salientar que, precisamente, entre os impulsores deste dominio na internet, atopábanse varios centros da diáspora galega.

Celebración colectiva
Miranda concluíu esta nova viaxe compartindo a celebración de San Xoán coa colectividade galega residente en Uruguai, primeiro na propia Casa de Galicia onde tiveron lugar as dúas reunións devanditas, e máis tarde nun evento social e lúdico organizado polo ‘Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor’. Esta entidade foi fundada en agosto de 1947 por galegos orixinarios dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, afeccionados a práctica deportiva dos bolos celtas. Hoxe destaca na diáspora polas súas actividades destinadas á mocidade.

O Centro posúe local social propio, dotado con salón de actos, biblioteca (de máis de mil volumes), sala cultural, salón de xogos, ximnasio cuberto con tribuna para máis de 200 persoas, cancha de bolos celtas, e instalacións de hostalaría, así como outras dependencias para práctica de artes marciais, tenis de mesa, patinaxe e danza.

- Publicidade -spot_img