spot_img
InicioVal MiñorNigránAs 'Startups' de Vía Galicia están a xerar grandes expectativas de negocio

As ‘Startups’ de Vía Galicia están a xerar grandes expectativas de negocio

Entre fondos de investimento, bussines angels, consultores, directivos de banca e representantes doutras aceleradoras, máis de duascentas persoas reuníronse hoxe en Porto do Molle (Nigrán) para analizar as posibilidades de negocio que se presentan entre as startups da terceira edición de ViaGalicia.

Na apertura da xornada, Teresa Pedrosa destacou que esta cita anual xa se consolidou como o mellor escaparate para mostrar as oportunidades de investir en negocios de futuro e para presentar aos mercados o potencial empresarial que nace en Galicia. En representación da Xunta, copromotora co Consorcio da Zona Franca desta aceleradora, tamén asistiron responsables de Xes Galicia, Unirisco, Gain e Igape.

Un dispositivo de navegación dirixido á aeronáutica recreativa, unha plataforma para contratar a chefs a domicilio ou unha plataforma de venda directa de produtos agrícolas vestíronse coas súas mellores frases para impactar e conseguir atraer ese capital que necesitan para seguir crecendo. Durante todo o día, os responsables das novas empresas presentaron de forma áxil e moi breve en que consiste o seu produto, a que mercados e dirixen e cales son os seus plans de expansión. Por iso unha industria de implantes específicos para veterinaria, unha plataforma para aforrar enerxía en casa ou unha ferramenta online para preparar oposicións demostraron coa súa ‘pitch’ as súas posibilidades de entrar en mercados que non están suficientemente abastecidos. A atracción desta xornada quedou patente coa asistencia de representantes de empresas maduras da comarca interesadas en coñecer que está a nacer ao amparo deste programa como as que se dedican a captar o sentimento de mercado a partir da interpretación de datos de social media, a facilitar un comparador online de perfumería ou a dar un servizo en liña para ordenar coleccións de fotografía e recuperar as historias que a xente sabe sobre elas.

Ademais das sesións en aberto, e para que os investidores coñecesen máis en profundidade a situación actual das recentemente creadas empresas, tamén se desenvolveron encontros privados nos que se pediron máis datos sobre os plans de empresa. Os equipos directivos de responsables de ser os fabricantes dun innovador vehículo de tres rodas 100 por cen eléctrico ou dunha plataforma para aforrar enerxía en casa ou dunha empresa de servizos domésticos ou a produción e comercialización de produtos innovadores, sustentables e socialmente responsables a través da reutilización de residuos e desperdicios, xustificaron con cifras ante os investidores a viabilidade dos seus proxectos.

A fórmula do ‘investors day’ é unha gran oportunidade para que as novas empresas dean a coñecer a súa realidade e os seus mercados e traten de atraer investimentos privados para conseguir, en definitiva, impulsar novas actividades económicas no noso territorio. Os cluster que tamén colaboran coa aceleradora Aimen, Ceaga, Ineo tamén avalaron que estas empresas xa presentan unha traxectoria positiva e dispoñen dun gran potencial de crecemento.

Promovido conxuntamente polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, ViaGalicia é un programa de alto rendemento cuxo obxectivo é a aceleración de proxectos innovadores escalables e invertibles, aos que se acompaña na súa validación e posta en marcha baixo a supervisión dun equipo de expertos en metodoloxía Lean Startup, ofrecendo servizos de formación, tutorización, mentoring, espazo de traballo e achegas de capital.

Cada un dos quince finalistas da terceira edición xa recibiron unha contribución financeira de ata 125.000 euros, dos que 75.000 foron achegados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e Xes Galicia e os outros 50.000 polo Consorcio a través da sociedade de capital-risco Vigo Activo. Ademais destas cantidades, realizadas baixo as modalidades de subvención a fondo perdido e de préstamos participativos, os finalistas recibiron servizos personalizados de mentoring e desenvolvido o seu traballo no coworking do centro de negocios do parque empresarial de Porto do Molle.

En cifras totais, ViaGalicia ten un orzamento de investimento anual estimado en 2.420.000 euros e, tras a celebración da cuarta edición que xa se atopa na fase de pre-aceleración, desde 2013 apoiáronse 53 empresas con formación a medida e 4.890.000 euros de achega de capital.

- Publicidade -spot_img