spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaAs obras de mellora da EDAR de Redondela comezarán a principios do...

As obras de mellora da EDAR de Redondela comezarán a principios do vindeiro ano, tras a súa adxudicación por 170.000 euros

As obras de mellora da EDAR de Redondela comezarán a principios do vindeiro ano, tras a súa adxudicación por 170.000 eurosO director de Augas de Galicia visitou esta mañá as instalacións desta depuradora, xunto coa delegada territorial da Xunta e o alcalde de Redondela

A Xunta aporta o 100 por cento do investimento necesario para a execución da mesma e que conta con fondos europeos FEDER, tal e como se recolle no convenio asinado entre Augas de Galicia e o Concello

As tarefas que se van realizar pretenden tratar os olores e reducir a emisión destes nas instalacións existentes, ademais de mellorar a calidade visual e sonora na contorna da EDAR

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, avanzou este mañá que as obras de mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Concello de Redondela comezarán a principios do vindeiro ano, tras adxudicar esta actuación por un importe de máis de 171.000 euros. Gonzalo Mosqueira visitou esta mañá as instalacións da depuradora xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, o tenente alcalde de Redondela, Miguel Ángel Álvarez, e a concelleira de Limpeza Viaria e Parques, María José Barciela Ramos, aos que lles confirmou que este contrato foi adxudicado á empresa Macraut Enxeñeiros SL.

As tarefas, cuxo prazo de execución é de 6 meses, que se van realizar pretenden tratar os olores ou reducir a emisión destes nas instalacións existentes, ademais de mellorar a calidade visual e sonora na contorna da EDAR.

En base a esta actuación, que se executa no marco dun acordo de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Redondela, realizarase a instalación dun sistema de desodorización, posto que un dos obxectivos do proxecto é reducir a contaminación por olor, así, unha vez localizados os focos máis importantes de contaminación olfativa da EDAR, situados no edificio de deshidratación e no espesador de lodos, ademais de no pozo de grosos, proponse a instalación de sistemas de desodorización, instalarase unha cubeta no espesador de lodos para poder confinar e eliminar o olor xerado nesta instalación.

Tamén, se procederá á adaptación dos sistemas de control da planta, incorporando as sinais dos novos equipos e da rexa de grosos ao centro de control da Estación Depuradora de Augas Residuais. Finalmente, farase unha instalación dun peche vexetal perimetral en toda a EDAR, coa súa correspondente rede de rego.

As accións a levar a cabo supoñen un investimento de case 200.000 euros, aboados pola Xunta de Galicia coa cofinanciación de fondos europeos FEDER. Cabe sinalar que a porcentaxe de financiamento por parte da Xunta para este tipo de colaboracións é ata do 100% do total do custo das obras requiríndose a previa aprobación polo Consello da Xunta no suposto de conterse obrigas de gasto plurianuais ou unha contía superior a 150.233 euros, como é o caso.

Antecedentes
A actual depuradora é unha infraestrutura do ano 1992, na que, posteriormente, se fixeron distintas melloras técnicas, co propósito de incrementar o rendemento na depuración. Máis tarde, froito da revisión do informe da empresa adxudicataria do contrato de asistencia técnica para o control e asesoramento á explotación das instalacións de depuración de augas residuais de Galicia, encargouse a redacción do proxecto que se vai levar a cabo.

Co paso do tempo, este inmoble quedou integrado nunha trama urbana deste importante núcleo de poboación, moi preto do mercado e de colexios, instalacións deportivas e vivendas. Recentemente tamén se construíu un paseo fluvial que bordea a instalación, facendo aínda máis notable a súa presenza.

Esta actuación tramítase ao abeiro do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, no que se establece a regulación do procedemento de colaboración técnica e financeira entre a Administración hidráulica de Galicia e as entidades locais. Esta normativa establece a posibilidade de financiamento e execución por parte do executivo autonómico de obras de abastecemento e saneamento de auga, incluso os proxectos técnicos e construtivos, nos termos municipais de Galicia.

- Publicidade -spot_img