spot_img
InicioVal MiñorNigránAs obras da senda peonil entre a parroquia de Priegue e Nigrán...

As obras da senda peonil entre a parroquia de Priegue e Nigrán ao 20% da súa execución

obras-senda-peonil-entre-parroquia-Priegue-Nigrán-están-20%-execuciónOs veciños de Nigrán poderán achegarse desde esta localidade ata a travesía das Rexas utilizando a senda executada ao longo da estrada autonómica

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou esta semana o avance dos traballos na senda peonil ao longo da estrada autonómica Vigo-Tui (PO-552), en Priegue, no Concello de Nigrán, que xa se atopa ao 20% da súa execución.

Na actualidade, estase a traballar na execución dos elementos de drenaxe, como a colocación do colector e formigonado da cuneta. A conselleira –acompañada polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde- comprobou que xa se iniciaron os traballos preparatorios para a modificación da ubicación dos báculos existentes, que serán retranqueados nos vindeiros días, e tamén a extensión da zahorra necesaria para executar posteiormente a senda peonil prevista.

As obras, nas que a Axencia Galega de Infraestruturas inviste máis de 140.000 euros, permitirán aos veciños da zona camiñar desde a parroquia de Priegue ata a entrada de Nigrán utilizando un itinerario habilitado ao efecto, xa que as obras consisten na creación dun itinerario peonil de 710 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 8+160 (no que finalizan as beirarrúas existentes en As Rexas) e 8+870, no que se inician as beirarrúas de Nigrán.

Este proxecto permite a interconexión dos distintos núcleos de edificacións que se localizan ao longo do treito, mellorando a seguridade viaria dos viandantes, xa que na actualidade deben circular pola estreita beiravía desta estrada, que rexistra intensidades de tráfico elevadas neste punto, no entorno dos 15.000 vehículos/día.

A senda peonil construirase en paralelo á estrada, ao mesmo nivel da rasante desta para garantir a drenaxe axeitada, e cun ancho mínimo de 1,5 metros. Executarase en formigón coloreado, de xeito que sexa facilmente perceptible para os usuarios, segundo se amosa na simulación que se achega.

A obra complementarase coa execución dunha cuneta de seguridade para a recollida e evacuación das augas superficiais da plataforma ata os puntos de desaugue. Ademais, colocaranse os sistemas de contención precisos para separar o tráfico rodado do peonil, reducindo así a posibilidade de atropelo por saída de vía.

Esta actuación da Consellería de Medio Ambiente beneficiará aos preto de 18.000 habitantes do Concello de Nigrán, que verán mellorada a súa seguridade viaria. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante este tipo de actuacións, pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria máis segura e cómoda, que mellore a accesibilidade do conxunto de usuarios.

- Publicidade -spot_img