spot_img
InicioBaixo MiñoAs empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva...

As empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva da súa estadía neste certame

as-empresas-galegas-presentes-en-iberflora-2016-fan-unha-valoracion-moi-positiva-da-sua-estadia-neste-certame

Os representantes das empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva da súa estadía neste certame, que se clausura hoxe en Valencia e que está considerado o referente do sector en España. De feito, o stand de Galicia foi dos máis demandados. Así llo transmitiron á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, quen estivo na feira apoiando a presenza galega.

En total foron 10 as empresas da nosa Comunidade que participaron como coexpositoras no espazo da Xunta de Galicia, de 416 metros cadrados de superficie. Delas, 4 están situadas no concello pontevedrés de Tomiño (Viveros Brotes, Coplant Galicia, Viveros Juan Peixoto e Veraleza), no que se localiza boa parte da produción galega de planta ornamental. O resto das expositoras foron Viveros Cabaleiros (Lourenzá), Viveros Denoy (Arzúa), Fomento Vegetal (Ribadeo), Hifas da Terra (Pontevedra), Plant Plus (Narón) e Ullaplant (A Estrada). Entre os países que mostraron un maior interese pola nosa produción destaca o Reino Unido, seguido de Francia.

Estas empresas teñen unha clara orientación internacional, xa que unha media do 48% da súa facturación ven dada pola exportación. Empregan preto de 500 persoas, entre os traballadores dos viveiros e os comerciais e acadan unha facturación anual duns 15.500.000 euros.

Dentro deste sector, Galicia destaca como a maior produtora de camelia de Europa e noutras variedades –como hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro e coníferas de peche– a nosa comunidade é das maiores produtoras de España.

A feira Iberflora está considerada o principal referente deste sector en España. Nesta edición número 45 rexistrou un total de 444 firmas expositoras, das cales 342 son españolas e as restantes 102 internacionais, procedentes na súa maior parte de Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos e Portugal. A superficie da mostra situouse preto dos 60.000 metros cadrados.

- Publicidade -spot_img