spot_img
InicioO SalnésArousaAlumnado do CEIP A Lomba (Vilagarcía) formouse en valores a través da...

Alumnado do CEIP A Lomba (Vilagarcía) formouse en valores a través da radio

CEIP lomba

Teatrofórum, contos e exposicións son outras das actividades realizadas no marco do proxecto Escolas sen Racismo de ACPP e Agareso

Co remate do curso escolar finalizaron tamén no CEIP A Lomba as actividades de educación para o desenvolvemento promovidas por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Entre elas, o obradoiro de radio para a formación en valores ao que asistiron vinte estudantes de 6º de Primaria, alén doutras accións encadradas no proxecto ‘Escolas sen Racismo’, un movemento que engloba a máis de 500 centros educativos de toda Europa.

O obradoiro radiofónico desenvolveuse durante dez xornadas, nas que as rapazas e rapaces aprenderon sobre os xéneros xornalísticos, pero tamén adquiriron pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese deste xeito a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. O blog www.agareso.org/esr foi recollendo os seus avances.

Esta semana gravouse o programa final, que incorpora unha entrevista á xornalista vilagarciá Montse Fajardo sobre os seus últimos libros, nos que recupera a memoria histórica das mulleres. O espazo, titulado ‘Lomba FM’, tamén inclúe unha singular conversa cunha veciña xorda e mais o conto ‘O mono e o peixe’, que convida a reflexionar sobre a interculturalidade. Todo isto aderezado con cuñas a prol dos dereitos da infancia.

Canda esta actividade de comunicación para o cambio social, cuxo resultado poderá escoitarse axiña na canle de Agareso en Ivoox, o proxecto contemplaba propostas coma o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución ten que representar o alumnado, ou a exposición ‘Mira Ti’, coa que se sensibiliza contra os prexuízos e a discriminación. Tamén os contos ‘Historias que contan’, que permiten traballar os estereotipos e a comprensión do outro, ou ‘Por un mundo de cores’, dirixido ás nenas e nenos de Educación Infantil.

Unha decena de centros educativos galegos participaron no último curso da iniciativa ‘Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento’, que conta co apoio da Xunta de Galicia, co fin de formar na convivencia pacífica, a solidariedade, o respecto e a inclusión.

- Publicidade -spot_img