spot_img
InicioO SalnésAchada unha espada ou puñal de antena no Monte do Castro de...

Achada unha espada ou puñal de antena no Monte do Castro de Ribadumia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou en rolda de prensa que o equipo de Arqueoloxía da institución provincial vén de achar o mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena, no xacemento galaico-romano do Monte do Castro, no concello de Ribadumia.

“Este é un caso curioso”, sinalou Carmela Silva, “porque o ferro non é o material que se empregaba habitualmente para este tipo de empuñaduras, que normalmente se realizaban en bronce”. Do mesmo xeito, a Presidenta provincial informou de que “as follas destes puñais de antena, por norma xeral, si que estaban realizados ou en bronce ou en ferro, pero no caso desta peza descoñécese porque esa parte se perdeu”.

A peza, deste xeito, situaríase “entre os séculos II ou I a.C.”, asegurou Carmela Silva. “Podemos situar a súa cronoloxía por dúas razóns”, informou a Presidenta provincial, sendo a primeira delas a tipoloxía do obxecto. “Acháronse pezas similares desta época noutros xacementos como o de Santa Trega, no propio Monte do Castro –aínda que neste caso si que era do material habitual, o bronce– e tamén en escavacións antigas na Lanzada, nos anos 70, ou Castro Alobre, nos anos 50”, sinalou a Presidenta da Deputación de Pontevedra. A segunda desas razóns, polo tanto, sería “o contexto no que se atopou esta espada, xa que estaba pegada ao muro dunha cabana”.

O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra traballa desde setembro na restauración da parte alta deste xacemento incluído no protocolo con Fomento

Carmela Silva lembrou que “este achado produciuse durante os traballos de restauración da parte alta do xacemento, a ‘croa’ ou ‘acrópole’, de sete cabanas e un tramo da muralla de 25 metros” que “un equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra formado por 15 persoas –dous arqueólogos, unha restauradora e un equipo de doce auxiliares– comezou no mes de setembro”, asegurou. “Para poder realizar esta restauración, houbo que ampliar as escavacións de dúas áreas pequenas, de arredor de 4 metros de ancho por 12 de longo cada unha, para sacar dúas estruturas que se metían contra o perfil e que impedían levar a cabo os traballos de restauración”, explicou a Presidenta provincial.

Estas actuacións forman parte do protocolo asinado entre a institución provincial e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. No Monte do Castro, en Ribadumia, as accións levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra son as de “consolidación e restauración dos restos exhumados nas diferentes campañas executadas”, sinalou a Presidenta. En canto á recreación de elementos senlleiros que contribúan a unha adecuada explicación do lugar, Carmela Silva sinalou que “as accións están mesturadas entre a Deputación, que se encarga de protexer as orixinais e facer as recreacións de pavimentos e lareiras, mentres que o resto de pezas que se queiran recrear xa formarían parte da musealización pura e dura, e polo tanto, correspóndelle ao Ministerio de Fomento”.

Carmela Silva informou de que Patrimonio da Xunta xa recibiu as memorias relativas a Castro Alobre, Toiriz e Subidá para que Fomento poida licitar a fase de musealización

En canto á musealización, competencia única de Fomento, Carmela Silva informou de que a temática escollida pola empresa adxudicataria foi “A fin dunha cultura”, que contempla que “coa chegada de Roma ao noroeste aparecen novos costumes, novos recursos económicos, a sociedade transfórmase e a cultura galaica modifícase. No caso de Monte do Castro, esa chegada parece ademais que non foi pacífica, xa que un incendio levou por diante o xacemento a comezos do século I d.C. Non sabemos se foi o pobo romano quen o queimou, pero si que supón o final do lugar e posiblemente a fin desta cultura na zona”.

Carmela Silva sinalou que “a fase actual de restauración ten unha duración de cinco meses e conta cun orzamento de 180.000 euros”. Os traballos “pódense visitar de luns a venres ás 12:00, ademais de que estamos organizando excursións con colexios para que vivan en primeira persoa estas accións”, asegurou a Presidenta provincial, “que se están a desenvolver nunha superficie total de 2.800 metros cadrados”.

No xacemento do Monte do Castro “xa están documentadas máis de 100.000 pezas arqueolóxicas e algunha delas son únicas no Noroeste da Península Ibérica”, informou Carmela Silva, como un gran caldeiro de bronce, unha fíbula ou peza metálica utilizada na antigüidade para unir ou suxeitar algunha das pezas que compuñan o vestido con forma de leóns, e unha cerámica votiva decorada. Todas elas están expostas no Museo de Pontevedra.

Por último, Carmela Silva asegurou que agora mesmo “os proxectos que están en Patrimonio da Xunta de Galicia para facer o informe preceptivo co que se poderá licitar os traballos de musealización son os de Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Toiriz (Silleda) e Subidá (Marín). O Ministerio de Fomento comezou a facer o seu traballo e, polo tanto, estamos nun camiño moi avanzado da posta en valor de todos os xacementos nos que tiñamos previsto actuar”.

 

- Publicidade -spot_img