spot_img
InicioGaliciaA Xunta pon en marcha o circuíto ‘Cinemas de Galicia’ en...

A Xunta pon en marcha o circuíto ‘Cinemas de Galicia’ en Sanxenxo, Fox, As Pontes e Carballiño con 1.232 novas butacas para o audiovisual galego.

Vázquez Abad presentou o proxecto que arrancará en novembro nestes catro concellos co obxectivo de achegar o cine ás localidades que non contan con salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos títulos galegos

Nesta fase inicial, os programadores dos espazos municipais adscritos elaborarán unha primeira carteleira bimestral a partir dun catálogo de 18 películas, 11 delas fitas galegas estreadas desde xullo de 2013

Esta rede municipal de exhibición cinematográfica, que nace a partir dun proceso consensual cos representantes sector en Galicia, complementará a actual oferta comercial, ao tempo que promoverá o hábito de ver cinema en pantalla grande

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o circuíto Cinemas de Galicia, unha nova rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica que, segundo anunciou hoxe o conselleiro Xesús Vázquez Abad, nace coa dobre finalidade de achegar o cine a aquelas localidades que non dispoñen de salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos filmes galegos.

O proxecto arranca cunha fase inicial de implantación en catro concellos, un por cada provincia. As Pontes de García Rodríguez, Foz, O Carballiño e Sanxenxo son os titulares dos cinco espazos que acollerán a programación inaugural da rede e a través dos que se achegan 1.232 novas butacas para o audiovisual galego: Casa do Peso e Cine Alovi nas Pontes, Salón de Actos do Cenima de Foz, Auditorio Municipal do Carballiño e Pazo Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo. A entrada para as proxeccións de Cinemas de Galicia terán un prezo único de 3 euros.

Iniciativa aberta
En palabras do titular de Cultura e Educación, a partir desta primeira experiencia, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro, o circuíto “está chamado a medrar en número de socios municipais, a incrementar a cifra de público galego para os produtos audiovisuais e a ampliar a oferta cultural e de ocio en Galicia”.

A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González Bea; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes Fernández; o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira; a concelleira de Cultura das Pontes, Sara Ramos, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, interviñeron tamén na presentación desta iniciativa, que –como subliñou Vázquez Abad– xorde a partir dun proceso consensual cos principais representantes do sector en Galicia, así como da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras e as empresas distribuidoras.

 Elaboración do programa novembro-decembro

En canto ao desenvolvemento práctico do programa, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o conselleiro explicou que esta primeira programación bimestral de Cinemas de Galicia incluirá a proxección en cada un dos catro concellos dun mínimo de oito películas, das que cando menos cinco serán galegas.

Os programadores están a traballar xa na configuración das súas carteleiras, para o que na webwww.agadic.info/cinemasdegalicia teñen á súa disposición un catálogo de 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopan 11 destacados títulos galegos en fase de explotación comercial: ‘Inevitable’, de Jorge Algora; ‘La tropa de trapo en la selva del Arco Iris’, de Álex Colls; ‘El árbol magnético’, de Isabel Ayguavives; ‘Arraianos’, de Eloy Enciso; ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez; ‘Costa da Morte’, de Lois Patiño; ‘9 ondas’, de Simone Saibene; ‘A cicatriz blanca’, de Margarita Ledo Andión; ‘Meñique’, de Ernesto Padrón; ‘Los increíbles’, de David Valero, e ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza.

Esta oferta galega, conformada polas propostas recibidas nunha convocatoria aberta a filmes rexistrados no ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) con data de estrea posterior ao 30 de xuño de 2013, compleméntase con sete fitas europeas, seleccionadas en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e avaladas por festivais e premios internacionais: ’10.000 KM’, de Carlos Marqués; ‘Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!, de Guillaume Galiene; ‘Ida’, de Pawel Pawlikowski; ‘La gran belleza’ de Paolo Sorrentino; ‘Le week-end’, de Roger Michell; ‘Madre e hijo’, de Calin Peter Netzer; e ‘Stockholm’, de Rodrigo Sorogoyen.

Financiamento
Ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, outra das finalidades desta rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Neste sentido, segundo explicou Vázquez Abad, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.

Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para os oito pases obrigatorios que ofrecerá cada concellos. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.

- Publicidade -spot_img