spot_img
InicioVigo e áreaPazos de BorbénA Xunta continúa en Soutomaior a súa rolda de contactos cos concellos...

A Xunta continúa en Soutomaior a súa rolda de contactos cos concellos da Área Metropolitana de Vigo

Xunta-continúa-Soutomaior-súa-rolda-contactos-concellos-Área-Metropolitana-Vigo

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse esta mañá co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e cos voceiros do PP e o BNG no concello para coñecer as súas propostas e suxestións relativas á Área Metropolitana de Vigo.

O director destacou o posicionamento unánime dos concellos consultados en materias como o financiamento e un sistema de participación equilibrado

Como xa fixera en ocasións anteriores, o director xeral destacou o ton cordial deste encontro, que se traduciu nun posicionamento unánime de todos os concellos consultados en aspectos fundamentais para a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo.

Así, por exemplo, os representantes municipais coincidiron na necesidade de establecer unha cantidade fixa por habitante para financiar a AMV. Para Pazos Couñago este criterio, que xa está recollido na actual lei da Xunta, garante a proporcionalidade das achegas de cada concello integrante do ente supramunicipal.

Así mesmo, o rexedor de Soutomaior e os dous voceiros municipais tamén coincidiron co director xeral na necesidade de atopar unha solución que aposte polo acordo e non polo voto ponderado na Xunta de Goberno.

Pola súa banda, o director xeral de Administración Local agradeceu aos tres as súas achegas e tamén as suxestións relativas á fórmula de traballo empregada para a consulta.

Coa visita a Soutomaior, o Goberno galego continúa o seu calendario de reunións da Área Metropolitana, como xa fixo en Fornelos de Montes e Pazos de Borbén e está previsto que continúe esta semana en Salceda de Caselas.

O obxectivo destes encontros é coñecer persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar o máximo consenso posible para que Área Metropolitana de Vigo bote a andar canto antes.

 

- Publicidade -spot_img