spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Xunta aproba a inclusión da sala expositiva do Museo da Navegación...

A Xunta aproba a inclusión da sala expositiva do Museo da Navegación de Baiona no Catálogo Oficial de Museos de Galicia

Museo Navegación Baiona

A partir de agora é receptor de materiais arqueolóxicos e pode solicitar pezas a outros museos para exposicións

O Consello da Xunta do xoves 26 de xaneiro de 2017 pasará a historia de Baiona como o día en que a Real Vila recibiu a boa nova da declaración do súa Casa da Navegación como Museo con Colección Visitable.

A petición do Concello de Baiona e a instancias da Consellería de Cultura, o Consello da Xunta de Galicia acordou este xoves o “recoñecemento, autorización e cualificación como colección visitable da Casa da Navegación en Baiona”.

“Hoxe é un día histórico para Baiona, levamos moitos anos traballando e loitando para que a nosa Casa da Navegación forme parte da rede de museos galegos e xa temos a declaración que lle permite formar parte do Catálogo Oficial de Museos de Galicia”, asegurou María Iglesias, concelleira de Cultura e 1ª Tenente de Alcalde de Baiona.

O Concello de Baiona solicitara hai ano e medio a declaración á Xunta de Galicia para que a sala expositiva poida converterse en receptor de todas as xoias arqueolóxicas que ao longo dos tempos foron recuperadas no municipio e tamén das que a partir de agora sexan localizadas.

O pasado outono técnicos da Consellería de Cultura visitaron a Casa da Navegación para comprobar se cumpría todos os requisitos e emitiron un informe favorable que agora acaba coa declaración de colección visitable.

Entre estes requisitos o museo baionés necesitaba ter un discurso coherente e organizado, así como unha serie de pezas e obxectos acordes con ese discurso. No caso de Baiona, a evolución da vila en relación co mar marca as referencias da Casa da Navegación para coñecer a historia a través de feitos tan importantes como A Arribada.

Ademais, tamén cumpre os niveis de lectura para diferentes públicos e os diferentes idiomas (obrigatorio galego e castelán), posto que no caso de Baiona o percorrido pode facerse en galego, castelán e inglés.

Coa declaración de colección visitable, a Casa da Navegación convértese en receptor de materiais arqueolóxicos, é dicir, a partir de agora almacenará todos os achados que se fagan no municipio. Tamén pode, se así o considera oportuno, solicitar pezas arqueolóxicas a outros museos para exposicións temporais.

- Publicidade -spot_img