spot_img
InicioVal MiñorGondomarA Xunta analiza cos concellos de Gondomar e Nigrán o proxecto para...

A Xunta analiza cos concellos de Gondomar e Nigrán o proxecto para construír unha senda peonil e ciclista de 3,7 quilómetros na PO-340

a-xunta-analiza-cos-concellos-de-gondomar-e-nigran-o-proxecto-para-construir-unha-senda-peonil-e-ciclista-de-37-quilometros-na-po-340

Cun orzamento base de licitación estimado que supera os 1,2 millóns de euros, o proxecto ten coma obxecto a construción da senda na marxe esquerda da estrada entre Gondomar e Ramallosa para comunicar ambos núcleos de poboación e dar continuidade ao eixe Vigo-Baiona

A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez Yáñez, mantiveron hoxe unha reunión técnica co alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e o concelleiro de Vías e Obras de Nigrán, Rubén Rial, para analizar o proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-340 ao seu paso por ambos municipios que levará a cabo a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). No encontro tamén estivo presente o xefe de servizo da AXI na provincia, Fausto Núñez, o enxeñeiro director do proxecto, Daniel Romay, e membros dos equipos de goberno e da Corporación municipal de ambos concellos do Val Miñor.

Concretamente, a actuación a levar a cabo será unha senda mixta que conta cunha lonxitude de 3,7 quilómetros entre os p.q. 17+650 e 21+360 da PO-340 Gondomar-Ramallosa. O obxecto da actuación é a construción desta senda nunha das marxes da estrada, na esquerda, que permita comunicar ambos núcleos de poboación e que dará continuidade ao eixe Vigo-Baiona. O orzamento base de licitación estimado e que se contempla no proxecto supera os 1,2 millóns de euros, sen IVE. A partires de agora procederase á fase de información pública para licitar a obra o antes posible sendo o prazo de execución de obra de 9 meses. Coma valoraron os representantes da Administración autonómica, “esta iniciativa busca que os veciños e veciñas poidan ter, canto antes, sendas integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais”.

Características técnicas

Segundo explicou o director do proxecto, a sección tipo máis habitual que se contempla na actuación para esta senda é de 2,74 metros de ancho, incluíndo un separador de 0,50 metros mentres que os bordos seleccionados serán de 0,22 metros de ancho. Nalgunhas zonas estritas, o ancho da senda será de 2,02 metros. En canto ao trazado, é coincidente co actual alzado da estrada aínda que a senda se disporá cun pequeno chanzo de 3 centímetros con respecto á cota exterior da calzada.
No que respecta ao firme e pavimentos, se prevé a posta en obra dun pavimento de formigón coloreado, armado cun mallazo de aceiro sobre unha capa de zahorra de 20 cm mentres que os bordos executados in situ serán mediante encofrado deslizante. Optouse por este tipo de pavimento dado que a senda está situada nun entorno urbano e de núcleo rural.

De todos xeitos, no seu momento executarase un tramo de proba previamente á execución definitiva da senda. A cor da senda será “terrizo natural” mentres que no caso dos bordos se empregará cor “cinza”. Ademais, cada 100 metros se plasmará o logotipo corporativo de “Sendas de Galicia”. A actuación se contempla tamén coa reposición da sinalización vertical, marcas viais, balizamento e pasos de peóns. Se prevé o axardinamento do separador vexetal e a revexetación dos terrapléns do movemento de terras necesario.

 

- Publicidade -spot_img