spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Universidade de Vigo alcanza a excelencia tamén no deporte

A Universidade de Vigo alcanza a excelencia tamén no deporte

universidade-de-vigo-alcanza-a-excelencia-tamen-no-deporte

24 medallas, 22 delas individuais e 2 por equipos, das que oito son ouros, tres pratas e trece bronces nos Campionatos de España Universitarios. Cifras que amosan por si soas o potencial dos deportistas da Universidade de Vigo e a súa capacidade de esforzo para compaxinar estudos e alta competición, acadando a excelencia en ambos eidos. Este xoves, os artífices deste medalleiro foron os protagonistas dunha homenaxe que lle rendeu a institución como recoñecemento polos seus éxitos e por tel levado o nome da Universidade por todo o estado.

O reitor, Salustiano Mato, acompañado polos vicerreitores de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e de Estudantes, Dolores González, trasladou as felicitacións da Universidade de Vigo a todos eles recoñecendo o “enorme esforzo” que supón compatibilizar a vida académica coa deportiva. “Sodes o noso sinal de identidade” subliñaba Mato, que se referiu tamén á presenza da institución viguesa en ránkings internacionais de docencia, investigación ou rendemento para engadir que cos resultados deportivos “nos axudades a estar presentes tamén noutro tipo de ránkings”. Neste sentido puxo en valor a “aposta da Universidade de Vigo polo deporte como unha forma de vivir” e felicitou ao Servizo de Deportes polo seu “entusiasmo” e traballo. Por parte dos deportistas tomou a palabra Alberto Neira, membro do equipo de taekwondo, que quixo agradecer o apoio da Universidade, do Servizo de Deportes e do seu técnico Alexandre Sanjorge, “que fan posible que cheguemos a onde estamos”, co equipo de taekwondo campión de España universitario, o de loitas olímpicas subcampión e 21 medallas individuais nos CEU2016 nestes dous deportes xunto con natación, esgrima e atletismo.

Metais en primeira persoa

A falta de clases de zumba, Alba Caamaño empezou a practicar taekwondo para perder uns quilos. “Levoume un mes convencer a miña nai para que me deixara anotarme. Ela dicía que era un deporte de mozos, pero agora está encantada”, explica a campioa de España universitaria minimosca, que en Murcia foi quen de acadar a medalla de ouro tras tres combates e un campionato “algo difícil”. Alumna do Grao de Fisioterapia, Caamaño recoñece o complicado de compatibilizar estudos, prácticas e adestramentos, pero ten clara a importancia de cursar unha carreira para poder exercer unha profesión, que no seu caso lle gustaría enfocar á fisioterapia deportiva.

Para Marc Ciurana a clave para compaxinar deporte e estudos pasa por establecer prioridades. “Hai tempo se te organizas, aínda que é complicado porque acabas moi canso, o día empeza moi cedo e acabas moi tarde. Pero no meu caso non falo de renuncias porque fago o que me gusta”, asegura o nadador do equipo da Universidade de Vigo, que nos campionatos universitarios acadou a medalla de bronce en 400 estilos. Un metal que recoñece non esperaba, “toquei parede, mirei para os lados e vin que quen en teoría ía quedar terceiro, aínda estaba nadando, ostra!, exclamei”, explica este mozo catalán estudante de Enxeñaría Agraria. Precisamente, a súa procedencia dunha vila onde hai moitos encoros e o temor dos seus pais por que caera nun deles e non soubese saír, foi o que o levou a iniciarse nun deporte no que quere seguir ata que “as miñas obrigas mo permitan ou cando deixe de gozar co que fago”, asegura.

Repetir o resultado acadado no campionato de España absoluto de loita celebrado este ano é o reto máis inmediato para Noelia Lalín, medalla de ouro -75kg no universitario celebrado este mes de maio. “Iamos convencidos de que había posibilidade de gañar medallas aínda que non coñecíamos ás rivais e foi unha alegría”, asegura a loitadora que este ano remata os seus estudos de Fisioterapia no campus de Pontevedra. “Quero seguir no deporte ata que aguante o corpo, pero tamén teño pensado seguir estudando porque é importante ter unha titulación para cando remate a carreira deportiva”, explica Noelia Lalín, que entrou no mundo da loita tras ver unha exhibición “e quedar enganchada”.

No caso de José Antonio Palomares a súa chegada ao atletismo veu da man dun profesor do colexio no que estaba interno. “El foi quen me introduciu no tema e entrei un pouco por saír de aí, empecei a gañar e engancheime ”, explica o gañador dunha medalla de bronce en triplo salto no campionato de España universitario. Rematados os estudos de Ciencias da Educación Física e do Deporte, José Antonio cursa na actualidade o Grao en Fisioterapia “con certa calma porque tamén traballo”, explica o atleta que se amosa moi satisfeito coa medalla acadada e coa vista posta na mínima europea, que asegura, “pode estar cerca”.

Para Judith Rodríguez o reto deportivo máis inmediato chegará en xullo co campionato de España absoluto de esgrima, no que agarda quedar primeira, tralo segundo posto do ano pasado. A estudante do Grao en Ciencias da Educación Física e do Deporte, que acadou a medalla de bronce en florete nos campionatos universitarios, asegura que polo momento leva ben compaxinar a carreira cunha actividade deportiva na que se iniciou nas escola deportivas tras ver as loitas con espadas nas películas da saga de Piratas do Caribe, “gustoume e aí me quedei”, explica.

Medalleiro vigués

En total, os deportistas universitarios acadaron nesta tempada 24 medallas nos Campionatos de España Universitarios en cinco deportes. O taekwondo segue a ser o maio expoñente do deporte universitario vigués, acadando o ouro por equipos e tamén cinco ouros individuais da man de Beatriz Parada en -53 kg galo; Alba Caamaño en -46 kg minimosca; Pablo Fernández en -87 kg medio; Raúl Cancelas en -68 kg pluma e Iván García en -80 kg superlixeiro. Neste mesmo deporte o Universidade de Vigo obtivo dúas pratas (Marta Colón e David González) e tres bronces (Laura Lorenzo, Marcos Silva e Ángel Parada). Deste xeito, o equipo vigués trouxo dos CEU este ano dez medallas individuais e o ouro para o conxunto do equipo. En loita acadouse a prata por equipos, dous ouros da man de Eliseo Permuy en -70 kg e de Noelia Lalín en -75 kg e tamén dous bronces (Pablo García e Pablo Senra). En esgrima, Judith Rodríguez e Pedro Otero acadaron cadanseu bronce en florete, mesmo resultado ca en natación con outros tres bronces, un para Marc Ciurana en 400 estilos e dous para Laura Pimentel en 200 e 800 libres. En atletismo os vigueses obtiveron tamén tres bronces en tripla salto para José A. Palomanes; en Martelo para Sergio Paredes e en pértega para Miguel A. Cajaraville.

M. Del Río / Mª Carmen Echevarría | Vigo

- Publicidade -spot_img